TRAS O ANO DE “CANTARES”

 


A finais de 2011, o profesor Alonso Montero, Director do Centro de Estudos Rosalianos,  e mais eu, que presidía daquela a Fundación Rosalía de Castro, demos voz de alerta ás institucións oficiais de Galicia para que introduciran nas axendas unha celebración digna do sesquicentenario de Cantares gallegos (1863-2013). Non escatimamos esforzos e negociacións para preparar un ano especial, pero elas escoitaron esa voz e, por extensión, acabamos de vivir un auténtico ano rosaliano. O pobo galego volveu acoller o libro máis popular da súa literatura con todo o agarimo e poucos Concellos, asociación culturais e calquera outro colectivo que entenda de cultura quedarían sen programar algunha actividade arredor do libro fundacional da nosa literatura contemporánea e da súa autora.

Se tivo tal acollida entre o público é porque Rosalía e os seus libros –nomeadamente o celebrado- seguen vixentes. Hai vixencia mentres hai memoria. O noso pobo conserva referencias dos seu pasado máis próximo e aínda se recoñece neste libro tan de seu. Os problemas da lingua, presentes no principio e no final do poemario, son hoxe tamén acuciantes pois, se gañou espazos, perdeu falantes e, se existen leis que a protexan, a realidade da súa normalización é ben outra. En canto ao tema da emigración, que será leitmotif para a escritora nos tres grandes poemarios, fíxose un problema universal, cada vez máis agravado polo desatino económico ao que nos levou o capitalismo salvaxe, o que acumula riquezas escatimándolle a vida digna a moita xente. Incluso Galicia, que era receptora de migracións de paso que acollía os seus retornados, volve ver marchar a súa xente, sobre todo a máis nova e mellor preparada, para conseguir resolver a súa vida buscando o pan en terras alleas. 

Por desgraza, os poemas máis cívicos da escritora son acusadores das circunstancias polas que pasa a humanidade máis empobrecida por unha explotacións que cada vez abre fendas máis profundas entre os ricos e os pobres. En canto ás análises e intuicións relativos á condición humana que atopamos nos seus versos, seguen a ser de hoxe. A dor, a finitude, as ansias de inmortalidade ou a soedade radical que padece o noso espírito son unha canteira de versos aplicables ás mulleres e homes de todos os tempos, de todas as xeografías e de todas as culturas.

Publicado en El Correo gallego (03-01-14)

Advertisements