UN DÍA DE REIS

 

A nena sabía que non existían máis Reis que os da baralla e que os Reis Magos eran como unha historia bonita que se lles contaba aos nenos para poñelos contentos. Ela sabía ben que o papá non lle mentía. A mamá, que tampouco lle mentía, non lle dixera outra cousa. Así que  os Reises non existían, porque eran os pais, as madriñas e os padriños ou os avós.

Por iso se ría cando a madriña Sara viña con xoguetes para ela e seu irmán a mañá do día 6 de xaneiro dicindo que llelos deixaran alí os Reis. Sara traía xoguetes moi bonitos. A nena recorda especialmente os dun ano: unha cociña con todos os seus cacharros, para ela e uns soldados redondiños de colores que se tiraban cunha boliña desde un canón, que era todo de madeira.

Pero á nena gustábanlle moito os xoguetes trouxéraos quen os trouxera, que iso tanto tiña. E pasaba moito tempo mirando no escaparate do bazar os que estaban alí esperando a que os nenos os pedisen nas súas cartas e os Reis –aínda que non os había- os fosen mercar. Nin ela nin seu irmán pedían nada porque sabía que non llelos podían comprar. Na casa, a mamá poñíalles dous chourizos pequenos que eles viran facer para ese día, pero gustábanlles máis collidos esa mañá na habitación e fritos para o xantar.

Aí arredor dos nove anos, unha mañá de Reis, ademais da madriña, chegou a tendeira dos xoguetes cun paquete que lle deixaran os Reis para o neno, que era músico porque xa sabía tocar no harmonio do papá coas dúas mans. Aquel xoguete era precioso: un piano encarnadiño coas teclas brancas e negras porque teñen que ser así, que iso xa o sabía ela. E a nena pediulle a seu irmán se lle deixaba que fose dos dous. El díxolle que si, claro. Case todo era dos dous. Tamén os cacharros da cociña e os soldadiños, os contos e a imprentiña de goma para escribiren os seus contos. Pero caéronlle as bágoas.

De alí a un pouco, o papá mandoulle ir ao seu cuarto e mirar ben se había algo para ela.  A nena abriu a porta e viu un sobre pequeno riba da cama. Abriuno e leuno dun tirón, porque lía moi ben. “Querida Helena: Nós tamén che queremos moito. Compra con estas 25 pesetas o que máis che guste. Un abrazo dos tres”. A nena quedou aleuta. ¿Como era posible que os Reis existisen, que lle trouxeran aquilo sen llelo pedir e mesmo que tiveran unha letra bastante parecida á do papá que  coñecían tan ben de lle apuntar as medidas dos clientes que el ditaba ao tomalas ? ¿Como era posible que os Reis escribisen cartas? ¿Como era posible que o papá se equivocase?

Volveu meter no sobre e o billete na carta e foi onda os papás para llelo contar. Eles tampouco daban creto. E dixo o papá:

 -Parece que os Reis existen, Helena. Eu estaba equivocado. E, se existen, non podían esquecerse de ti, que es unha boa nena. Se cadra é que non saben que vivides xuntos. Eles tamén se poden equivocar como me pasou a min.

Entre todos pensaron que o mellor sería que a mamá a acompañase para mercar as cousas que quixese. As cousas foron uns zapatos de color marrón preciosos e unha carteiriña con flocos, que a mamá dixo que era de charol, encarnadiña como o piano, na que meteu as pesetas e perragordas que lle sobraron.

A nena xa creu moi pouco tempo nos Reis, pero pagara a pena vivir aquel día, aínda que nun momento fose moi triste.

 

 

Advertisements