UN DÍA DE REIS

 

A nena sabía que non existían máis Reis que os da baralla e que os Reis Magos eran como unha historia bonita que se lles contaba aos nenos para poñelos contentos. Ela sabía ben que o papá non lle mentía. A mamá, que tampouco lle mentía, non lle dixera outra cousa. Así que  os Reises non existían, porque eran os pais, as madriñas e os padriños ou os avós.

Por iso se ría cando a madriña Sara viña con xoguetes para ela e seu irmán a mañá do día 6 de xaneiro dicindo que llelos deixaran alí os Reis. Sara traía xoguetes moi bonitos. A nena recorda especialmente os dun ano: unha cociña con todos os seus cacharros, para ela e uns soldados redondiños de colores que se tiraban cunha boliña desde un canón, que era todo de madeira.

Pero á nena gustábanlle moito os xoguetes trouxéraos quen os trouxera, que iso tanto tiña. E pasaba moito tempo mirando no escaparate do bazar os que estaban alí esperando a que os nenos os pedisen nas súas cartas e os Reis –aínda que non os había- os fosen mercar. Nin ela nin seu irmán pedían nada porque sabía que non llelos podían comprar. Na casa, a mamá poñíalles dous chourizos pequenos que eles viran facer para ese día, pero gustábanlles máis collidos esa mañá na habitación e fritos para o xantar.

Aí arredor dos nove anos, unha mañá de Reis, ademais da madriña, chegou a tendeira dos xoguetes cun paquete que lle deixaran os Reis para o neno, que era músico porque xa sabía tocar no harmonio do papá coas dúas mans. Aquel xoguete era precioso: un piano encarnadiño coas teclas brancas e negras porque teñen que ser así, que iso xa o sabía ela. E a nena pediulle a seu irmán se lle deixaba que fose dos dous. El díxolle que si, claro. Case todo era dos dous. Tamén os cacharros da cociña e os soldadiños, os contos e a imprentiña de goma para escribiren os seus contos. Pero caéronlle as bágoas.

De alí a un pouco, o papá mandoulle ir ao seu cuarto e mirar ben se había algo para ela.  A nena abriu a porta e viu un sobre pequeno riba da cama. Abriuno e leuno dun tirón, porque lía moi ben. “Querida Helena: Nós tamén che queremos moito. Compra con estas 25 pesetas o que máis che guste. Un abrazo dos tres”. A nena quedou aleuta. ¿Como era posible que os Reis existisen, que lle trouxeran aquilo sen llelo pedir e mesmo que tiveran unha letra bastante parecida á do papá que  coñecían tan ben de lle apuntar as medidas dos clientes que el ditaba ao tomalas ? ¿Como era posible que os Reis escribisen cartas? ¿Como era posible que o papá se equivocase?

Volveu meter no sobre e o billete na carta e foi onda os papás para llelo contar. Eles tampouco daban creto. E dixo o papá:

 -Parece que os Reis existen, Helena. Eu estaba equivocado. E, se existen, non podían esquecerse de ti, que es unha boa nena. Se cadra é que non saben que vivides xuntos. Eles tamén se poden equivocar como me pasou a min.

Entre todos pensaron que o mellor sería que a mamá a acompañase para mercar as cousas que quixese. As cousas foron uns zapatos de color marrón preciosos e unha carteiriña con flocos, que a mamá dixo que era de charol, encarnadiña como o piano, na que meteu as pesetas e perragordas que lle sobraron.

A nena xa creu moi pouco tempo nos Reis, pero pagara a pena vivir aquel día, aínda que nun momento fose moi triste.

 

 

Advertisements

6 opinións sobre “UN DÍA DE REIS

  1. Eu si tiven un tempo de ilusión cos reis magos, pero fun descubrindo pouco a pouco, quizais coma se fose unha aterraxe suave na realidade.

    Gústame

    • Está ben que se teña algunha ilusión. Mentres te enganen con iso non fan moito mal. O peor é que se permanece enganado toda a vida e para sacarche lucro, que é o peor.

      Gústame

  2. A ilusión é o que vale, tanto da que sexa quen sexa o rei oua raiña, ben saben eles dende ben pequenos que hai un engano, detéctano pero non son quen de decir como, porque da manera que apareces as cousas no cncepto dos nenos non está claro. Linda realidade de dia de Reis.

    Gústame

    • Así é, prezado Ricardo. E perdoa a tardanza en responder. O blogue envía os teus comentarios ao spam e non o dou amañado. Mirarei todas as semanas. Unha aperta.

      Gústame

Os comentarios están pechados.