NON CHE TEÑO MEDO, MOUCHO. HOMENAXE POÉTICA A ROSALÍA

 

…Que o moucho, fita que fita,          

me aspera naquel penedo.

                                                                                   Rosalía de Castro

É nas horas duras de lobos famentos,

bailen ou non meigas nas espesas tebras,

cando o vento xeme polas regandixas

do interior noctámbulo espallando o medo.

 

É nesa paisaxe de angustia vestida,

de interior caroca nunha árbore vella,

onde   muros, chantos, ocos e portelos

lle lanzan ao medo liames tendidas.

 

Sexa en tellas, portas, campás ou seimeiras,

en calquera esquina na que o medo axexe

baten os fantasmas con alas de mucho

plumas aceiradas e ollos de lumieira.

 

Sexa en cemiterios, xesteiras ou prazas,

xardíns, penedíos, igrexas ou chouzas

os ollos do medo vístense de moucho

e volven os corpos pétreos como estatuas.

 

E que necesaria se fai nesa noite

atrelada e presa nos fondos  misterios

tirar ese berro que dá valentía

e privarlle ao moucho que nela revoe!

 

E que necesaria se fai a afouteza

de buscar remedios contra o medo aleve,

cando se encarnizan os ollos do moucho

e nós decidimos erguer a cabeza!

 

Co berro sacamos os mofos umbríos

do interior deixando que os enxugue o vento

e xa renovadas berramos con brío:

 

-Moucho, fita, fita, subido ao penedo.

Podes fitar, moucho. Xa non teño medo.

 

Para un proxecto rosaliano no sesquicentenario de  Cantares gallegos

 

Advertisements