INMERSIÓN LINGÜÍSTICA RURAL

 

Ler nas noticias que o rural galego explora negocios é algo que alegra a quen o levamos no corazón e vemos como se esmocha demografica e paisaxisticamente. Tiña tanta riqueza ese habitat idílico de variadas terras,  costumes ancestrais, arquitectura popular rica en elementos e feituras, e valioso e matizado folclore..! Pero velaí que os habitantes dun mundo tan de noso decidiron abandonar as súas posibilidades e, deixado, foise derrubando como se recibise unha orde secreta, desas que chegan ás árbores para florearen, aos paxaros para construíren o niño e aos cogomelos para saíren do micelio.

Mais a noticia da que falo pareceume rara e pareime a facer unha análise do seus contido e significado. “Inglés e alemán dominan a oferta da inmersión lingüística de fin de semana en Galicia”. A primeira rareza é que o sintagma “inmersión lingüística” apareza entre nós con naturalidade e non para armar liorta. Os inimigos da lingua propia teñen abusado moito deste concepto presentándoo como algo radicalmente negativo, amalzoado e apestante. Que agora se intercale nunha noticia de carácter económico como un método idóneo de aprender linguas ten moito valor simbólico que fará esvaecer esa fumareda que, para maior gloria dos que a atizaban, nin siquera estaba sendo aplicada.

O segundo elemento raro é que a aprendizaxe por irnmersión no noso rural sexa con profesorado nativo dos idiomas inglés e alemán. Nada en contra, como non podía ser doutro xeito. Pero chocante é. E dío quen aprendeu algo de árabe nas montañas dos Ancares. Para o que está preparado ese ricaz mundo noso mentres teña xente maior nas súas casas, nativos mestres, é para a inmersión na súa lingua milenaria. Aí foi onde a aprendeu Rosalía, tamén por inmersión, pois é sabido que non era a lingua familiar, non circulaba nas gramáticas, non estaba na escola e era negada tamén nos templos. E abofé que boa falta lles faría a persoas que a usan en público. É hora de se preocupar en mellorar o idioma do país, como se fose inglés ou alemán. E non falo só do vocabulario, que se atopa en dicionarios, senón para aprender a arquitectura de calquera idioma: a sintaxe e a pronuncia. Onde se sitúan os pronomes, como é a entoación interrogativa e como hai que colocar a lingua para conseguir ese n do numeral “unha” e dos finais de palabra que van seguidos de artigo.

Publicado en El Correo Gallego (10-01-14)

 

 

 

Advertisements