PALLOZAS EN PERIGO

 

A riqueza etnográfica e medioambiental do oriente ancarés lucense é inmensa. Apartado dos medios de comunicación, tanto que avergoñaba, foi quen de conservar espazos simbólicos de gran valor: ecosistemas privilexiados e paisaxes fermosísimas con arquitectura popular herdada de moitos séculos. Do mesmo xeito, foi garante da lingua que nomeaba ese microuniverso, captando o interese de investigadores alemáns que, desde mediados do século XIX  a finais da primeira metade do XX, estudaron o vocabulario de cousas e costumes sabedores de que se perdería con elas.

Xunto coas ouriceiras dos soutos, a súa construción estrela é a palloza, chamada así por deformación de «pallaza», a palabra recollida polo etnógrafo alemán Firtz Krüguer a finais do século XIX. O nome venlle da palla de centeo da cuberta –colmo-, o cereal que producía o monte de toda a zona e se deixou de sementar pola dureza do traballo e a caída demográfica que levou os brazos rexos que requiren as aixadas. A comarca de orografía esgrevia con restos de xeoloxía glaciar a uns 13000 m. de altitude non ten doado vivir da agricultura nin da gandería, os seus antigos motores económicos. Non é posible a mecanización, o clima é duro e os habitantes optaron pola emigración, maioritariamente a Cataluña, para resolver a súa vida en condicións de mellor habitabilidade.

As pallozas, de forma redonda, son de orixe prerromana –castrexas-, e nelas vivía a familia co seu gando. Estiveron habitadas ata os anos sesenta do século XX e Os Ancares é, polo de agora, o seu lugar de conservación maioritario. En Piornedo de Donís, un dos lugares máis fermosos do alto Cervantes, que ten unha musealizada, quéixanse do seu estado e da dificultade económica de conservalas tras o paso das invernías se non reciben a axuda económica que lles permita facelo coa esixencia que lles impón Patrimonio. Reteitar é moi caro porque a palla debe ser de boa calidade e a súa colocación esixe habelencias artesás que están a piques de desaparecer.

Como a saída económica que lles queda aos Ancares para seguir minimamente habitado é o turismo ecolóxico que valora estas riquezas tan próximas e tan afastadas de nós no espazo e no tempo, a conservación destas pallozas esixe unha protección oficial efectiva, non só de letra no DOG. A alternativa é a desfeita e mañá xa será tarde de máis.

 

Publicado en El Correo Gallego (17-01-14)

 

 

 

Advertisements