VIOLENCIAS

 


En España, mentres os ricos son cada vez máis ricos, os pobres son cada vez máis pobres e a tendencia é aumentar a fenda. Nesta escalada europea da desigualdade, só vai por diante Letonia. Tal trafego logrou que a corrupción se perciba, xunto co paro, como a gran preocupación da sociedade empobrecida.

Durante unha pequena estancia en San Petersburgo, ante os edificios do Museo Hermitage á beira do Neva, tiven a percepción de que o luxo desmedido de zares e zarina fora unha forte violencia sobre o pobo ruso. Hoxe, cando as novas circulan a gran velocidade e as redes sociais democratizaron a información, adoita falarse da violencia das protestas sociais motivadas por abusos dun poder que considera que a democracia só se exerce nas urnas das que se cre saír con carta branca se hai maioría que a respalde. Os pequenos altercados que poden producirse nunha destas protestas, aínda acarreando gastos anexos, non é nada comparado coa limpa sinatura nun despacho de luxo que autorice a corrupción ou decida que será das nosas vidas. As tales sinaturas levantan millóns das arcas públicas para o arriquecemento privado. Esa  é a gran violencia da mala gobernanza que acarrea recortes sociais e perdas de dereitos, e que conduce ao empobrecemento imparable que demostran estudos como o que acaba de facer público Intermón-Oxfam.

Segundo esta ONG, a elite económica ten secuestrado o poder político. Referíndose a España, denuncia que as 20 persoas máis ricas igualan en ingresos ao 20% das pobres. Que por iso hai que acabar cos dous estremos para solucionar o gravísimo problema dos desposuídos que ten a orixe en que non se fixo recaer o esforzo económico para encarar a crise en quen ten máis recursos. Culminan tal situación a impunidade coa que foron tratados os responsables da desfeita financeira e a falta dunha actuación clara e contundente contra a corrupción evidente que inocula tensión insoportable á sociedade.

O director xeral de Oxfam, José María Vera, baseándose nunha enquisa feita a un milleiro de españois, dos que o 80% opina que España as leis están feitas para os ricos (en Europa pensa o mesmo o 70%), manifesta que as elites económicas están secuestrando o poder político para manipular as regras de xogo económico. Non resulta difícil comprender que esta sociedade indefensa está a padecer unha forte violencia.

Publicado en El Correo Gallego (24-01-14)

Advertisements