NA ERA REPTILIANA

 

Hai humanos que deron tres saltos cara atrás na evolución

e pasaron de hienas a corvos de calaza,

de aí, a dinosaurios.

Volven estar na era reptiliana. Sonos

dos máis devastadores e temibles

capaces de viviren canda nós

en esfera opresora

invisible só a aqueles inocentes

a quen ás veces guían á corte das ovellas

para despois muxilas e rapalas.

Comen en porcelana de Limoges

e cubertos de prata

con toda urbanidade e cortesía,

mais o seu atavismo

empuxa as súas queixadas para estalicar ósos

anque só coman polpas que producen

colesterol do caro.

Despois, ás agachadas dos inxenuos,

gregarios,

caníbales,

bulímicos,

engulen o papel amoedado

cal vaca que se asoma á cambeleira.

Cando volven saír á sociedade

esquían, van a vela,

cazan cervos como homes primitivos

e volven agocharse á mansión exclusiva

ben rodeada de seguridade.

E voltos ao atavismo,

adoitan remoer o que comeron

con números bancarios, gastrolitos de luxo para eles

que son o fruto da suor allea,

a dor dos pobres e a desesperanza.

Advertisements