PALABRA ESTRAÑA

Entre os vocablos que a poeta usa para fabricar soños

non aparece GUERRA

pero a poeta ten que procuralo

no inferno das entrañas da humanidade

para escribir o diálogo de balas e misís,

de infamias e mentiras,

de manipulacións e de ignominia.

Coa pluma triste abáixase

a buscar na esterqueira dos negocios,

na bosta armamentísitica,

no fedor  do cadáver insepulto,

na destrución colateral da técnica,

na podremia das leis e dos dereitos.

¡Cómo estraña a poeta

a mirada inocente da súa infancia

cando a pousaba na grafía inerte

practicando nas regras ortográficas!

Daquela non sabía que o que menos importa

é que ese xogo cruento levase un u sen diérese

para estar ben escrito.

Mais, cando os ollos perden a inocencia,

descóbrese a verdade:

que morrer e matar é lotería

á que xoga un planeta apodrecido

sen moral nin conciencia nos seus amos.

 


 

Advertisements