HOTEIS DE COMPOSTELA

 

Na XII edición dos premios Travellers´ Choice Hoteles, organizados por TripAdvisor e outorgados polos  usuarios de hoteis de todo o mundo, foron galardoados tres hoteis de Compostela. Como coñecedora deles, creo moi ben dados os galardóns, sen desmerecer a ningún da capital de Galicia. 

O Hotel Costa Vella, categoría  Mellor Relación Calidade/Prezo, na esquina da Porta da Pena e a Costa Vella, ten o encanto do seu café-terraza, onde se pode almorzar torradas de molete con aceite de oliva, ou algo clásico, consultar a prensa e seguir cunha xuntanza de traballo. A galería é un espazo privilexiado para contemplar as torres de San Francisco e os solpores do Pedroso. O xardín-terraza, que conta con portal de entrada independente, foi unha vella horta da que se conservan as árbores froiteiras –maciñeira e limoeiro- e unha parra bordeando o centenario e ben elevado muro de pedra. Con surtidor central e cultivo esmerado de plantas florais, acolle exposicións de escultura que completan a beleza deste espazo ao aire libre moi solicitado no bo tempo. O trato, é exquisito.

Da Casa Grande do Bachao, categoría Mellor Relación Calidade/Prezo e na de Romántico, podemos dicir que o disfrute empeza na viaxe. Situado na parroquia de Fecha, solitario na aba do monte sobre o río Tambre, hai que cruzar un bosque por unha pista con bo firme e espazos de espera que facilitan a dobre circulación. Cando aparece, préndanos aquela edificación que conserva os hórreos e unha porta simbólica en parede exenta cara ao solpor. Nesta marabillosa costaneira, para o reloxo inventado e funciona só o sol. É colaborador do Premio de novela Biblos-Pazos de Galicia. Baixo dun seu emparrado interior celébrase a entrega e no hotel morará o escritor ou escritora novel que acabará alí o proxecto galardoado. A cociña é excelente.

O Hotel Spa Relais & Chateaux A Quinta da Auga, categoría Mellor Hotel, instalado na antiga fábrica de papel de Brandía á beira do Sar, ten a auga como protagonista e un moi coidado contorno. O oficio e a sensibilidade cultivada da arquitecta propietaria, Luisa García Gil, nótase desde a adaptación do gran edificio ata a decoración na que destaco o interior dos ascensores con fotografías históricas sobre o papel como exemplo de detalles que fan un hotel singular. Tamén debo de destacar nel a calidade da mesa.  

Publicado en El Correo Gallego (31-01-14)

 

 

Advertisements

2 opinións sobre “HOTEIS DE COMPOSTELA

Os comentarios están pechados.