ROSALÍA DE CASTRO DE ALUMNA A PEDAGOGA DE GALICIA

 

Acabamos de pasar a conmemoración do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. O 2013 supuxo o desenvolvementos de estudos sobre Rosalía, pero aínda se van ir descubrindo aspectos que boten máis luz sobre a escritora universal que é considerada unha das mellores poetas –mulleres e homes- de todos os tempos.

Sabemos que naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837 nunha casiña pobre do antigo “Camiño novo”, que daquela pertencía ao municipio de Conxo. Ela data Follas novas (1880) no día 23 de febreiro como día do seu aniversario porque naceu na madrugada do 24.

A meniña parecía destinada a ir parar á inclusa por ser filla de pais incógnitos, pero recolleuna súa madriña librándoa así dunha moi posible morte infantil dada a súa delicada saúde e a sorte que corrían  a maioría das criaturas que alí ingresaban. Os seus pais eran en realidade o coengo José Martínez Viojo e a fidalga vida a menos Teresa Castro, vinculada cos antigos moradores do pazo de Arretén. A súa orixe, polo tanto, era anómala pois fora concebida sacrilegamente, algo que a sociedade da época vía con moi malos ollos. Esa foi a razón pola que non foi recoñecida ata que súa nai venceu todos os medos e lle deu á meniña a primeira lección de valentía.

Segundo a tradición, dúas irmás de seu pai levárona para a criaren nunha casiña de Ortoño, no lugar de Tarroeira, pero a permanencia de Rosalía na aldea durou menos tempo do que se pensaba (12 anos), pois sabemos xa que non estivo máis de cinco. En 1842 vivía con súa nai en Padrón, Rúa do Sol. Así que polas rúas de Padrón andou e xogou María Rita Rosalía coas outras meniñas ata que aos dez anos se trasladou a Santiago de Compostela.

¿Como foi a educación desta nena a quen parece salvar o destino o día do seu bautismo para que chegue a ser algo grande?

Rosalía pasa do mundo rural á vila de Padrón e vive dez anos en dous ambientes familiares moi distintos, aínda que os dous humildes economicamente e moi relacionados coa Galicia rural. O da familia paterna, un ambiente campesiño. O de súa nai, un ambiente de señorío sen diñeiro. Cando chega a Santiago, relaciónase coa xente culta que participa en “El Liceo de la Juventud” e socialízase culturalmente nun ambiente progresista. De Santiago marcha Madrid onde coñece a Manuel Murguía, co que casará en 1858. A partir daquela, Rosalía terá un compañeiro de altísima talla intelectual que tamén lla vai recoñecer a ela, un intelectual que a elixirá para levar a cabo a recuperación de Galicia que el ten na cabeza. A Rosalía vaille encomendar a dignificación da lingua. A Eduardo Pondal, encargaralle rebuscar nun pasado glorioso para lle dar a Galicia un espello onde mirarse para reconquistar o seu futuro.

Dos primeiros anos, en contacto directo coa paisanía en Ortoño e en Padrón, Rosalía aprende a sabedoría da lingua popular, a lingua propia de Galicia e as súas cancións, que son os restos dunha poesía oral herdeira das grandes cantigas medievais, de cuxa existencia ela non ten coñecemento. Sobre esta poesía vai construír os seus Cantares gallegos.

Na etapa marcadamente padronesa recibe a educación refinada que lle proporciona unha nai con menos cartos que restos de nobreza. Durante a estadía en Santiago de Compostela, recibe a mellor educación que unha muller da época pode acadar: cultura xeral ampla e formación artística multidisciplinar que lle permitía compoñer versos, saber solfexo, tocar varios instrumentos, debuxar e converterse nunha prometedora actriz. Posiblemente nesta etapa santiaguesa teñen lugar tamén os primeiros sentimentos amorosos e as primeiras decepcións, pois alí coñeceu e tratou a Aurelio Aguirre que lle dedicou versos louvadores da súa intelixencia e se cubriu de aureola romántica ao poñer fin á súa vida no mar de Orzán na Coruña.

En Madrid publica o seu primeiro libro, La flor, do que Manuel Murguía fai unha reseña. Uns meses máis tarde, casan e manteñen durante a vida en común –el sobreviriraa moitos anos- unha grande colaboración cultural. Rosalía fórmase na súa biblioteca, coñece os grandes intelectuais europeos da época e ponse en relación coa literatura universal, influencia que podemos rastrear na súa obra.

Rosalía foi unha alumna privilexiada que soubo aproveitar todas as aprendizaxes que se lle presentaron: a da vida, a dos libro, a das conversas.

Como aprendizaxe de poeta nunha lingua que non constaba que tivese tradición literaria, aceptou a recomendación de Murguía de escribir no por daquela chamado dialecto que aprendera de nena. Partindo das cancións que oía cantar, e seguindo unha tendencia da súa época –a do romanticismo- de recuperar e valorar a arte do pobo, escribiu os poemas que acabarían nun libro, Cantares gallegos, datado no día de nacemento do seu home, o 17 de maio.

Este foi o primeiro gran libro escrito en lingua galega moderna, que non tiña nin gramática nin dicionario, por unha poeta de grande sensibilidade e facilidade para a o verso. Vai precedido dun prólogo que, ademais do seu interesante contido, demostra que Rosalía era quen de utilizar o galego tamén para escribir en prosa. Neste poemario, defendía a Galicia de todas as aldraxes que lle viñan proferindo moitos escritores de fóra, como Góngora ou Quevedo, por citar algún dos máis notorios antigalegos. A partir da publicación de Cantares gallegos, Rosalía convértese en mestra da nosa colectividade, da que está aquí e da que está emigrada en América, que chega a publicarlle Follas novas en La Habana no ano 1880. É agora cando conviven nela a alumna que seguirá aprendendo toda a vida como os mellores mestres e mestras, e en pedagoga que guía dalgún xeito ao noso país, un país de emigrantes, de necesitados e de desposuídos. O pobo chegou a adoptala como nai das súas penas e consolo das súas desgrazas por encima de calquera razoamento,

En primeiro lugar, Rosalía é mestra de lingua, dotándoa dunha grafía inicial. ¡Cantos escritores aprenderon a escribir a lingua de Galicia lendo os seus libros!Pero tamén é mestra polos contidos da súa obra que son educativos para os seus lectores do mundo enteiro, para todas as linguas, para todas as épocas. As desgrazas que pasaba Galicia na segunda metade do século XIX parecen volver a ateazarnos. Os ricos son acadora máis ricos e os pobres son acadora máis pobres. Os desafiuzamentos parécense a aquelas visitas que facían os “algoasiles” ás aldeas para desposuír os habitantes das súas casas por non poderen pagar os “trabucos e os préstamos”. Rosalía non é unha poetisa ao uso das súas contemporáneas, senón unha escritora profesional que non escribe “das pombas e as frores”, como di no primeiro poema de Follas novas.

Os libros rosalianos teñen potencialidade educativa. Desde o seu coñecemento do medio físico e cultural de Galicia, que se concreta nun riquísimo vocabulario, as referencias xeográficas, a descrición dos nosos costumes, ata os valores humanos que se desprenden dos seus poemas máis solidarios, sobre todo coas mulleres que son naquela época as grandes marxinadas da historia e cos pobres de todos os tempos que sofren toda clase de inxustizas de man dos poderosos. A palabra de Rosalía fundamenta a educación para a igualdade e a súa pluma comprometida proponnos non poucas reflexións arredor dun fenómeno, que xa parecía inverso e cada vez máis frecuente nas nosas aulas: a emigración e o triste desarraigo que padecen  “os que noutras terras/ tén que buscar pan”. Non obstante, Galicia volve emigrar e os seus versos servirán de forza para as persoas que se vexan obrigadas a deixar a patria,“forzoso, mais supremo sacrificio, que a miseria está negra en torno deles, e adiante está o abismo”.

Rosalía é unha poeta intemporal que non pasa de moda. Por desgraza da humanidade, os seus poemas máis cívicos son homologables aínda coas circunstancias polas que pasa o mundo máis empobrecido. E as análises e intuicións que fai nos seus versos relativos á condición humana, á dor, á finitude, ás ansias de inmortalidade, á soedade radical que padece o noso espírito é unha canteira de versos aplicables ás mulleres e homes de todos os tempos, de todas as xeografías e de todas as culturas.

Rosalía ensina a apreciar o propio, a valorar o idioma milenario que herdamos dos antergos, a coñecer a riqueza cultural, a ser solidarios cos que sofren, a mostrarse sensibles perante as inxustizas, a valorar as capacidades creativas e intelectuais das mulleres, a aprofundar nos pensamentos e a expresar ese resultado nun texto que permita coñecerse mellor e a mellor trasmitir os pensamentos.  

Ao lado dos poemas que mellor retratan o pesimismo humano, Rosalía utiliza o xenio do humor, que é o cerne do noso espírito. Ela desmostra en que consiste a máis fina das ironías, a que invirte os papeis, a que di o contrario do que parece dicir. Por iso algúns dos seus poemas arrancan un sorriso e outros unha gargallada.

Rosalía non é santa. Nin tampouco é choroa. Ela non fai máis que cantar a realidade que viviu e viu ao seu redor. Ela explica así o fenómeno do pesimismo que por veces a invade e nos invade: “Triste é o cantar que cantamos/ mais que facer se outro mellor non hai”.

 

FACER LECTORAS E LECTORES NA ESCOLA

 

1 O VALOR PEDAGÓXICO DA LITERATURA

A literatura é un elemento imprescindible na configuración da personalidade de alumnas e alumnos porque crea tensións emocionais que interiorizan problemas alleos e axudan a medrar ó se transformaren en mundo propio que modela co poder suxestivo da obra literaria.
Xa que logo, o contacto coa literatura debe comezar cedo e ter unha presencia privilexiada como fondo da actividade escolar.

2 FASES DESTE CONTACTO

O achegamento á literatura discorre a través de tres etapas que se suceden e superpoñen.

2.1       LITERATURA ORAL

A través do creador anómimo, do pobo, nenos e nenas conviven coa literatura desde as idades máis temperás: anainas, cántigas, adiviñas, trabalinguas, ledaíñas, contos e lendas sonlles ofrecidas no intercambio coa familia, precisamente cando se lles entrega nunha comunicación afectiva, lúdica e gratificante que non volverá xa repetirse.
Esta etapa está moi próxima á poesía e nela a infancia familiarízase co ritmo, a musicalidade, a connotación, a evocación, o xogo e a fantasía.

 

2.2 APRENDIZAXE LECTORA

Unha segunda fase deste encontro –que tamén debe ser gratuíta e pracenteira– é xa institucional e acontece tan pronto como se converten en escolares e adquiren a capacidade de lectura.
Ninguén que aprenda a ler con dificultades será máis tarde lector. Eis a importancia de mimar o proceso de aprendizaxe. E tampouco non se pode negar a transcendencia que ten para facer lectoras e lectores os materiais que se empreguen no proceso. As lecturas literarias promoven unha actividade lúdica e creativa que enriquece e axuda a empregar a lingua para:
.Satisfacer as múltiples necesidades da comunicación.
.Explorar as posibilidades creativas do idioma.
.Consolidar actitudes e hábitos expresivos na transmisión de ideas, sentimentos e fantasías.

.Valorar os elementos máis creativos e innovadores da comunicación verbal propia e allea.

.Procurar a conquista dun estilo propio para a expresión da personalidade.
A escola debe proporcionar libros que estean ó alcance da comprensión dos aprendices e próximos ós intereses das diferentes etapas do seu desenvolvemento. Así é como os rapaces entran en contacto coa literatura, a través dunha modalidade de producción literaria abondosa a partir do descubrimento de que o neno é un ser ben diferenciado dun adulto.      
A través destas lecturas éntrase en trato cos valores lúdicos do idioma, co descubrimento de universos onde a palabra escrita suxire máis do que di e coa percepción de que a lingua pode liberarse da cotidianeidade. Pero acontece un feito que debera corrixir a institución educativa: abandónase a lírica, non se valora o interese infantil pola representación dramática e cultívase case en exclusiva a lectura narrativa.

 2.3.3 A LITERATURA COMO MATERIA DE ESTUDIO

A terceira etapa do achegamento á literatura na escola é a máis académica, a que se presta ó estudio da obra literaria, conseguindo unha lectura de madurez máis reflexiva e crítica, facilitada e dirixida polo profesorado e encamiñada a que os lectores, ó seu paso pola aprendizaxe escolar, coñezan e disfruten do máis significativo do patrimonio literario propio e tamén do que foi quen de crear e atesourar a Humanidade nas súas diversas linguas e culturas.
 3 FACER LECTORES E LECTORAS NAS NOSAS ESCOLAS
Para facer lectoras e lectores de literatura nas nosas escolas necesitamos, cando menos, quen a escriba, quen a edite e quen a ensine.O feito hai que planificalo debidamente para dosificar o tránsito entre as tres etapas e o desenvolvemento do que debe permanecer entre elas, convertendo o ensino/aprendizaxe da literatura nun traballo que combine as actividades máis lúdicas coa reflexión e o esforzo e no que caiban, cara ó final dos estudios, determinados conceptos teóricos, así como un certo coñecemento histórico do desenvolvemento da literatura na lingua propia e tamén da universal.
Verbo do noso caso, os anteriores principios resultan interferidos pola complexa situación que se manifesta nas comunidades onde a literatura que se produce a partir dun idioma minorizado.

A nosa literatura prodúcese nunha lingua –o símbolo máis importante da creación cultural herdada secularmente e integrada na afectividade do pobo galego– que vive en conflicto coa sociedade. Por causa dese conflicto, a didáctica da literatura galega terá que afrontar condicionamentos negativos:

.Actitudes de rechazo da comunidade cara á súa lingua e ás produccións que dela nacen.

.Anomalías na producción, transmisión e recepción das obras literarias.

.Competencia permanente con outra literatura, aceptada pola escola e pola sociedade case como única durante séculos.

.Tratamento xeralizado do galego como segunda lingua, séxaa ou non de feito, e consecuente adquisicón da lectura en castelán.

.Dificultades para amosar o tesouro da literatura universal a través da lingua galega.

.Proceso de estandarización acelerada da lingua que leva a unha normativización excesiva da literatura actual en convivencia coa vixencia e a proximidade da lingua que aparece na literatura dos clásicos… 

Así pois, ademais de necesitarmos un tratamento didáctico que achegue os rapaces á obra literaria de forma lúdica, activa e creadora, quen acometa a tarefa de producir e ensinar literatura galega estará condicionado por un cúmulo de circuntancias que acarrean non poucas dificultades para un resultado satisfactorio. Pero vale a pena a aventura de traballar para unha lingua afastada da escola e practicamente ágrafa durante séculos. A lectura literaria ten un importante valor de restauración da nosa identidade e non podemos falar de normalización lingüística e cultural se nenas e nenos non se inician cedo na lectura en galego, dispostos a conquistar de xeito lúdico o rexistro escrito e literario do noso idioma, unha da facetas de adquisición cultural que aínda aprecia a maioría da sociedade.

Tanto é así que a literatura galega, ou aquela que chega á nosa lingua a través das traduccións, cumprirá o papel de lles abrir a rapazas e rapaces camiños para a conquista do seu desenvolvemento persoal e o crecemento interior, devolvéndolles a harmonía consigo e co seu pobo.

 

PALABRAS PINTADAS

 

Soledad Pite Sanjurjo é unha pintora compostelana, tamén recoñecida polo seu labor artístico que se proxecta proveitosamente no alumnado do IES Rosalía de Castro. Neste centro, onde imparte ensino, promove proxectos artísticos de trascendencia pública (exposicións, concursos, publicacións…). A pintora expón estes días no Salón Artesonado de Fonseca (Universidade de Santiago) a mostra Palabras pintadas, incluída nas actividades que desenvolve o proxecto europeo campUSCulturae.

Menos coñecidao é o seu cultivo da palabra poética, aínda que publicou un poemario, Na véspera do silencio (Follas Novas, colección “Libros da Frouma”, 2011). Por iso non é de estrañar que, quen domina dúas expresións máis próximas do que pode parecer, as mesture intimamente nunha exposición tan interesante como a que citamos, na que se inclúen óleos, grafitos e acuarelas, na que se expande a palabra completando as imaxes. Na presentación, os promotores definiron a mostra como un diálogo entre as artes e así é. Un diálogo e unha  integración de fondos e formas.

Visiteina demoradamente unha das tardes de gran chuvia. Saín da escuridade ditada pola auga e atrapoume a luminiscencia dun dos óleos de gran formato: “Mazá vermella”. Tanto como a propia luz, ilumina este cadro un poema incluído na composición do fondo, con caracteres en maiúscula: Muda ti. Silenciadas nós./ Es o espazo preciso –da paixón e da albura-/ onde reescribir a historia/ dos temores e culpas/ -sobre nós- vertidos a mantenta./ Así comezaba/ aquela carta/ que Branca Neves/ recibiu de Eva.

A exposición, ben unitaria na súa variedade de formatos, soportes, temáticas e técnicas, lévanos desde os apuntes intimistas en grafito –onde é relevante a plasmación da dor na enfermidade- á xeometría austera do CGAC, pasando polo Obradoiro no movemento do 15M co colorido das súas tendas de acampada. Os cadernos de traballo, que se mostran en vitrinas, son unha das tentacións da colección que denotan, ademais do seu valor plástico, o xeito de traballar meticuloso da artista e o lirismo da súa mirada. Namorada da súa cidade, deixa no fondo so salón unha vista panorámica e algúns recantos  noutros espazos da sala. Tamén teñe protagonismo a presenza das augas –do  noso mar e do canal de Venecia- e as expresivas mostras secuenciadas de mans e de ceos anubados.    

Publicado en El Correo Gallego (21-02-14)

 

TRABALLANDO POLA CIENCIA

 

Catro mozos científicos de diferentes lugares da península, entre eles o compostelán Roi Villar, puxeron a andar a imaxinación ante o desamparo da ciencia e a dificultade de continuar cos seus proxectos. Desde o ano 2009, a inversión estatal en ciencia acumula a caída do 40% e os investigadores de centros punteiros, sometidos a EREs, ven perigar o seu traballo en campos de notoria necesidade. O panorama desalenta e eles, que son da xeración mellor formada, dominan as tecnoloxías que posibilitan cambios e decidiron crear en liña a plataforma iLoveScience.es (gústame a ciencia) que permite á cidadanía colaborar con proxectos. Accesible aos internautas desde o 13 de xaneiro, ten xa acumulados 61 “amantes” e 2300 euros. Canda Roi Villar, Federico García, Alejandro Macho e Ricardo Costa, neste momento presentan nesta plataforma aberta proxectos que versan sobre o cancro de mama, a enfermidade de Alzheimer e as infeccións do sangue ou septicemias.

Cada proxecto dispón dun período de 60 días para alcanzar o presuposto necesario. Se non prospera, descártano. O máis avanzado é o do Cancro de Mama con máis de 1000 euros recadados. Na web pódense consultar as características dos proxectos, o presuposto e a biografía-curriculum do investigador. As colaboracións económicas están recompensadas con detalles de agrecemento. Tamén é posíbel axudarlles difundindo o proxecto mediante redes sociais, como facebook ou twitter, ou calquera outro medio. Os proxectos son avaliados para certificar a súa rigorosidade e a viabilidade. iLoveScience actúa de intermediario entre doantes e promotores de proxectos para asegurar as transaccións económicas e  a execución dos proxectos financiados. 

“Na nosa sociedade, onde apenas hai paixón pola ciencia e os descubrimentos, os recortes en ciencia eran cuestión de tempo”, di Roi Villar, que compaxina esta actividade coa investigación no Consello Superior de Investigacións Científicas en Madrid. “No meu día a día vexo que aos científicos nos custa moito achegarnos ao resto da cidadanía. Agora non temos outro remedio: ou saímos á rúa ou nos retiramos”, comenta. Para non marchar, buscaron esta vía alternativa que lles pode dar fondos para seguir co seu camiño independentemente do signo político de quen goberne ou das inclemencias financeiras.

Publicado en El Correo Gallego (14-02-14)