A VIRXE DAS CANDEAS

 

A Virxe das Candeas debera ter en Becerreá unha confraría. Os confrades serían os homes casados, poque os que contraían casamento no ano anterior eran, na miña infancia, os obrigados a seren ramistas e organizarlle a festa. Cando se acabou a fonte dos casados, o Concello empezou a nomear a dedo os “ramistas” e supoño que acabou xa a tradición.

Pedían para facela –como farán hoxe- e o primeiro gasto que había que prever era a leña da fogueira, un carro de ponlas de carballo que traían os de Lamas. A fogueira facíase nun solar que quedaba á dereita da Casa de D. César por onde despois se edificou o edificio que albergaba a Caixa Galicia. Encendíase a noite da véspera e alí se xuntaba a paisanía á súa calor. Quizabes por iso, non había en Becerreá o lume de San Xoán, aínda que é o patrón.

O segundo gasto, era a orquestra para o día propio. No ano 1963, anticipándose aos “homes e mulleres do tempo”, apareceu unha nevarada que impediu as comunicación coa vila. O Concello habilitou o seu Salón de Plenos para un baile con acordeón, como seica facía nos anos en que Becerreá tiña clases sociais ben distinguidas. Eu estaba nese baile e nel coñecín un mozo de fóra –non sei que facía en Becerreá- a quen volvín atopar o outro día despois dunha conferencia. Aquel puido ser o principio dunha historia de amor, pero el díxome que xa notara daquela, e na relación amical e epistolar que tivemos unha tempada, que eu aspiraba a chegar onde cheguei. Que eu saiba, non aspiraba a nada. Cousas da vida, dos sentimentos, das circunstancias e dunha noite de neve nas Candeas de hai 51 anos.

O terceiro presuposto co que había que contar –o que fallaba sempre- era mercarlle un manto novo de veludo á Virxe, para o único que daban as beatas algo de calderilla. Como a calderilla non era nada, o manto quedaba sen comprar e os próximos ramistas tiñan que oílas outra vez cando lles petaban á porta.

Recordareina sempre como a festa máis pequena e máis nosa. A xente citábase para comer un lacón, pero tamén tiñan cabida os botelos e os chourizos. Era, xunto co Entroido, a gran celebración dos cimos e as filloas. Cimos é o nome ancarés dos grelos e filloas son as que levan sangue do porco. As outras eran feixós.

Advertisements