TRABALLANDO POLA CIENCIA

 

Catro mozos científicos de diferentes lugares da península, entre eles o compostelán Roi Villar, puxeron a andar a imaxinación ante o desamparo da ciencia e a dificultade de continuar cos seus proxectos. Desde o ano 2009, a inversión estatal en ciencia acumula a caída do 40% e os investigadores de centros punteiros, sometidos a EREs, ven perigar o seu traballo en campos de notoria necesidade. O panorama desalenta e eles, que son da xeración mellor formada, dominan as tecnoloxías que posibilitan cambios e decidiron crear en liña a plataforma iLoveScience.es (gústame a ciencia) que permite á cidadanía colaborar con proxectos. Accesible aos internautas desde o 13 de xaneiro, ten xa acumulados 61 “amantes” e 2300 euros. Canda Roi Villar, Federico García, Alejandro Macho e Ricardo Costa, neste momento presentan nesta plataforma aberta proxectos que versan sobre o cancro de mama, a enfermidade de Alzheimer e as infeccións do sangue ou septicemias.

Cada proxecto dispón dun período de 60 días para alcanzar o presuposto necesario. Se non prospera, descártano. O máis avanzado é o do Cancro de Mama con máis de 1000 euros recadados. Na web pódense consultar as características dos proxectos, o presuposto e a biografía-curriculum do investigador. As colaboracións económicas están recompensadas con detalles de agrecemento. Tamén é posíbel axudarlles difundindo o proxecto mediante redes sociais, como facebook ou twitter, ou calquera outro medio. Os proxectos son avaliados para certificar a súa rigorosidade e a viabilidade. iLoveScience actúa de intermediario entre doantes e promotores de proxectos para asegurar as transaccións económicas e  a execución dos proxectos financiados. 

“Na nosa sociedade, onde apenas hai paixón pola ciencia e os descubrimentos, os recortes en ciencia eran cuestión de tempo”, di Roi Villar, que compaxina esta actividade coa investigación no Consello Superior de Investigacións Científicas en Madrid. “No meu día a día vexo que aos científicos nos custa moito achegarnos ao resto da cidadanía. Agora non temos outro remedio: ou saímos á rúa ou nos retiramos”, comenta. Para non marchar, buscaron esta vía alternativa que lles pode dar fondos para seguir co seu camiño independentemente do signo político de quen goberne ou das inclemencias financeiras.

Publicado en El Correo Gallego (14-02-14)

Advertisements