PALABRAS PINTADAS

 

Soledad Pite Sanjurjo é unha pintora compostelana, tamén recoñecida polo seu labor artístico que se proxecta proveitosamente no alumnado do IES Rosalía de Castro. Neste centro, onde imparte ensino, promove proxectos artísticos de trascendencia pública (exposicións, concursos, publicacións…). A pintora expón estes días no Salón Artesonado de Fonseca (Universidade de Santiago) a mostra Palabras pintadas, incluída nas actividades que desenvolve o proxecto europeo campUSCulturae.

Menos coñecidao é o seu cultivo da palabra poética, aínda que publicou un poemario, Na véspera do silencio (Follas Novas, colección “Libros da Frouma”, 2011). Por iso non é de estrañar que, quen domina dúas expresións máis próximas do que pode parecer, as mesture intimamente nunha exposición tan interesante como a que citamos, na que se inclúen óleos, grafitos e acuarelas, na que se expande a palabra completando as imaxes. Na presentación, os promotores definiron a mostra como un diálogo entre as artes e así é. Un diálogo e unha  integración de fondos e formas.

Visiteina demoradamente unha das tardes de gran chuvia. Saín da escuridade ditada pola auga e atrapoume a luminiscencia dun dos óleos de gran formato: “Mazá vermella”. Tanto como a propia luz, ilumina este cadro un poema incluído na composición do fondo, con caracteres en maiúscula: Muda ti. Silenciadas nós./ Es o espazo preciso –da paixón e da albura-/ onde reescribir a historia/ dos temores e culpas/ -sobre nós- vertidos a mantenta./ Así comezaba/ aquela carta/ que Branca Neves/ recibiu de Eva.

A exposición, ben unitaria na súa variedade de formatos, soportes, temáticas e técnicas, lévanos desde os apuntes intimistas en grafito –onde é relevante a plasmación da dor na enfermidade- á xeometría austera do CGAC, pasando polo Obradoiro no movemento do 15M co colorido das súas tendas de acampada. Os cadernos de traballo, que se mostran en vitrinas, son unha das tentacións da colección que denotan, ademais do seu valor plástico, o xeito de traballar meticuloso da artista e o lirismo da súa mirada. Namorada da súa cidade, deixa no fondo so salón unha vista panorámica e algúns recantos  noutros espazos da sala. Tamén teñe protagonismo a presenza das augas –do  noso mar e do canal de Venecia- e as expresivas mostras secuenciadas de mans e de ceos anubados.    

Publicado en El Correo Gallego (21-02-14)

 

Advertisements