FACER LECTORAS E LECTORES NA ESCOLA

 

1 O VALOR PEDAGÓXICO DA LITERATURA

A literatura é un elemento imprescindible na configuración da personalidade de alumnas e alumnos porque crea tensións emocionais que interiorizan problemas alleos e axudan a medrar ó se transformaren en mundo propio que modela co poder suxestivo da obra literaria.
Xa que logo, o contacto coa literatura debe comezar cedo e ter unha presencia privilexiada como fondo da actividade escolar.

2 FASES DESTE CONTACTO

O achegamento á literatura discorre a través de tres etapas que se suceden e superpoñen.

2.1       LITERATURA ORAL

A través do creador anómimo, do pobo, nenos e nenas conviven coa literatura desde as idades máis temperás: anainas, cántigas, adiviñas, trabalinguas, ledaíñas, contos e lendas sonlles ofrecidas no intercambio coa familia, precisamente cando se lles entrega nunha comunicación afectiva, lúdica e gratificante que non volverá xa repetirse.
Esta etapa está moi próxima á poesía e nela a infancia familiarízase co ritmo, a musicalidade, a connotación, a evocación, o xogo e a fantasía.

 

2.2 APRENDIZAXE LECTORA

Unha segunda fase deste encontro –que tamén debe ser gratuíta e pracenteira– é xa institucional e acontece tan pronto como se converten en escolares e adquiren a capacidade de lectura.
Ninguén que aprenda a ler con dificultades será máis tarde lector. Eis a importancia de mimar o proceso de aprendizaxe. E tampouco non se pode negar a transcendencia que ten para facer lectoras e lectores os materiais que se empreguen no proceso. As lecturas literarias promoven unha actividade lúdica e creativa que enriquece e axuda a empregar a lingua para:
.Satisfacer as múltiples necesidades da comunicación.
.Explorar as posibilidades creativas do idioma.
.Consolidar actitudes e hábitos expresivos na transmisión de ideas, sentimentos e fantasías.

.Valorar os elementos máis creativos e innovadores da comunicación verbal propia e allea.

.Procurar a conquista dun estilo propio para a expresión da personalidade.
A escola debe proporcionar libros que estean ó alcance da comprensión dos aprendices e próximos ós intereses das diferentes etapas do seu desenvolvemento. Así é como os rapaces entran en contacto coa literatura, a través dunha modalidade de producción literaria abondosa a partir do descubrimento de que o neno é un ser ben diferenciado dun adulto.      
A través destas lecturas éntrase en trato cos valores lúdicos do idioma, co descubrimento de universos onde a palabra escrita suxire máis do que di e coa percepción de que a lingua pode liberarse da cotidianeidade. Pero acontece un feito que debera corrixir a institución educativa: abandónase a lírica, non se valora o interese infantil pola representación dramática e cultívase case en exclusiva a lectura narrativa.

 2.3.3 A LITERATURA COMO MATERIA DE ESTUDIO

A terceira etapa do achegamento á literatura na escola é a máis académica, a que se presta ó estudio da obra literaria, conseguindo unha lectura de madurez máis reflexiva e crítica, facilitada e dirixida polo profesorado e encamiñada a que os lectores, ó seu paso pola aprendizaxe escolar, coñezan e disfruten do máis significativo do patrimonio literario propio e tamén do que foi quen de crear e atesourar a Humanidade nas súas diversas linguas e culturas.
 3 FACER LECTORES E LECTORAS NAS NOSAS ESCOLAS
Para facer lectoras e lectores de literatura nas nosas escolas necesitamos, cando menos, quen a escriba, quen a edite e quen a ensine.O feito hai que planificalo debidamente para dosificar o tránsito entre as tres etapas e o desenvolvemento do que debe permanecer entre elas, convertendo o ensino/aprendizaxe da literatura nun traballo que combine as actividades máis lúdicas coa reflexión e o esforzo e no que caiban, cara ó final dos estudios, determinados conceptos teóricos, así como un certo coñecemento histórico do desenvolvemento da literatura na lingua propia e tamén da universal.
Verbo do noso caso, os anteriores principios resultan interferidos pola complexa situación que se manifesta nas comunidades onde a literatura que se produce a partir dun idioma minorizado.

A nosa literatura prodúcese nunha lingua –o símbolo máis importante da creación cultural herdada secularmente e integrada na afectividade do pobo galego– que vive en conflicto coa sociedade. Por causa dese conflicto, a didáctica da literatura galega terá que afrontar condicionamentos negativos:

.Actitudes de rechazo da comunidade cara á súa lingua e ás produccións que dela nacen.

.Anomalías na producción, transmisión e recepción das obras literarias.

.Competencia permanente con outra literatura, aceptada pola escola e pola sociedade case como única durante séculos.

.Tratamento xeralizado do galego como segunda lingua, séxaa ou non de feito, e consecuente adquisicón da lectura en castelán.

.Dificultades para amosar o tesouro da literatura universal a través da lingua galega.

.Proceso de estandarización acelerada da lingua que leva a unha normativización excesiva da literatura actual en convivencia coa vixencia e a proximidade da lingua que aparece na literatura dos clásicos… 

Así pois, ademais de necesitarmos un tratamento didáctico que achegue os rapaces á obra literaria de forma lúdica, activa e creadora, quen acometa a tarefa de producir e ensinar literatura galega estará condicionado por un cúmulo de circuntancias que acarrean non poucas dificultades para un resultado satisfactorio. Pero vale a pena a aventura de traballar para unha lingua afastada da escola e practicamente ágrafa durante séculos. A lectura literaria ten un importante valor de restauración da nosa identidade e non podemos falar de normalización lingüística e cultural se nenas e nenos non se inician cedo na lectura en galego, dispostos a conquistar de xeito lúdico o rexistro escrito e literario do noso idioma, unha da facetas de adquisición cultural que aínda aprecia a maioría da sociedade.

Tanto é así que a literatura galega, ou aquela que chega á nosa lingua a través das traduccións, cumprirá o papel de lles abrir a rapazas e rapaces camiños para a conquista do seu desenvolvemento persoal e o crecemento interior, devolvéndolles a harmonía consigo e co seu pobo.

 

Advertisements