FORUM GASTRONÓMICO 14

 

 

Este marte clausurouse n’A Coruña o Forum Gastronómio 2014, cun grande éxito de participación. O que pode atoparse nun evento destas características atrae e moita xente, non só a profesionais ligados a algunha actividade da restauración senón aos amateurs dos fogóns familiares e ao público que disfruta vendo produtos de calidade, o mellor do noso e os das poucas firmas fóraneas que participan. Aí é onde podemos constatar que os profesionais máis atrevidos e arriscados se adentran no mundo da especialidade e da innovación poñéndose a moita altura.

A maiores, os obradoiros de expertos na cociña máis vangardista mostran os últimos achados explicando procesos de elaboración mentres os equipos de axudantes preparan na trastenda racións de cata que pasan aos asistentes e propician un encontro total coa cociña de investigación, tan artística como unha pintura e que deixa unha novidade tan curiosa e estraña na boca que será moi difícil de esquecer. O restaurante “Culler de pau”, ademais dos pratos, presentou tamén pouco antes da claurura a horta ecolóxica na que se surte, maxistralmente narrada pola cultivadora.

É sorprendente para calquera lego ou pouco entrenado nesta modalidade de cociña descubrir os achados tecnolóxicos nos aparellos que permiten a manipulación e o cociñado dos produtos así como o avance na obtención de produtos –almidón da pataca, por exemplo- que manipulados con sabedoría e xeito conseguen que comer sexa, alén de alimento,  unha caixa de sorpresas. A ponencia de clausura de Juan Mari Arzak e o seu axudante foi unha  delicia, non só polo recoñecido saber alí ben exposto, senón por mostrar o que pode impresionarse non só o paladar senón os outros sentidos dos comensais durante a degustación dun prato.

O paseo polos postos de mostra tiña para todos os gustos. As carnes de porco chacinadas  ou cociñadas e en lata… A dedicación dun produtor lácteo á elaboración de xelados artesáns –unha viaxe á exquisitez co de vainilla de Madagascar-. A variedade de viños das denominacións de orixe do país e dalgunhas de fóra (Rioja e Ribera del Duero). As nosas verduras máis recoñecidas deshidratadas (grelos e verzas de Vilalba)… Unha tenda de plantas-especia que engaden nutrientes esenciais, entre elas unha pequena flor polar capaz de nos meter o océano na boca. Os nosos parabéns.

Publicado en El Correo Gallego (28-02-14)

Advertisements