DISFRACES

 

(Ao exiliado en México D. Ramón Esturao Calvo, IN MEMORIAM)


En Tlaquepaque

fomos ver o exiliado

que estaba descansando no seu xardín

entre as flamíxeras flores dun flamboián

e a pequenez dun colibrí

catando azúcar.

 

En honra ós mortos de tanto pobo e tanta dictadura

léronse textos nahuas

que soaban profundos

como saídos da ocarina

do ventre dalgún deus cocido en barro.

 

A tarde xa subía

agatuñando pola torada do xasmín

cando a voz patriarcal daquel guerreiro invicto

mesmo polos seus anos

cativou ó auditorio

coa metáfora.


“O dictador

mollou pluma no sague dos escravos

que adoitaban portalo

e escribiu un decreto sobre os seus lombos

prohibíndolle ó pobo disfrazarse.

Foi así como logrou entrar na historia

pois venceu definitivamente a Napoleón

e volveu dunha vez a Nefertiti

ó silencio da tumba.

Logrado este obxectivo

que el chamou militar,

volveu coa contraorde

de que o pobo podía disfrazarse,

agora de si mesmo,

con lentellolas, feltros e veludos.

Daquela a plebe

non se recoñecía nos espellos

colocados nos múltiples salóns

que o mando habilitaba para un baile feliz

cada martes de Entroido.”

 

De Álbum de fotos (1999)

Advertisements