NON AO VAGÓN DO TREN

 

 

As mulleres chegaron ao tren da historia metidas no derradeiro vagón, un vagón xineceo onde se xuntaban nais, esposas, fillas e serventas… Aínda unido ao resto para que os homes puidesen facer o tránsito de intercambio coas que eran carne da súa carne, corazón do seu corazón ou simplemente servidoras das súas necesidades máis variadas, aquela parte avanzaba máis despacio e, ás veces, case podía decirse que andaba cara atrás. Non obstante, os amos da locomotora procuraban que non se desenganchase porque lles era imprescindible. Así que os avances ían favorecendo aos amos do convoi, mentres o xineceo quedaba á marxe do tempo.

Naquel vagón atrasado, as mulleres coidaban do esencial para a vida dos homes, cociñaban, dábanlles pracer e fillos, criábanos, fiaban, tecían.. Tamén falaban e pelexaban entre elas… Non eran parvas, pero non tomaban decisións no rumbo da viaxe, non participaban nas conquistas que aparecían no camiño nin na súa celebración ou reparto. O tren andou moitos séculos con elas entregadas a unha sorte que crían vir dos deuses, resignándose ao seu destino e afeitas a aquel vagón.

-¡Prohibido amosarse –dicían os que entraban e saían-. Aí fóra hai moitísimos perigos para vosoutras.

E elas miraban desde tras dos vidros e vían pasar moi lentamente as árbores e os campos de trigo. As ventaíñas cada vez lles parecían máis pequenas.

Sen saber como, naquel vagón entrou un libro e unha atopou un cómplice entre os visitadores que lle axudou a ler. Ela ensinoulles a outras e armouse unha algareira convivencia de saberes. Xa había mulleres rebeldes que se negaban a servir sen recompensa. Non querían seguir naquel furgón e trataban de lle explicar ao conxunto que tal situación non tiña xeito. Os homes notaron o cambio e tomaban actitudes diferentes. Uns alporizábanse. Outros non daban tino. Os menos cavilaban en que podían ter algo de razón e fixéronse oír. Estes pararon o tren, desconectaron o vagón maldito e deixaron entrar as mulleres no outro, aínda que con moitas condicións de servilismo, de dependencia e ata de sometimento.

No vagón mixto nunca chegou a ser a vida igualitaria. E, cando as mulleres vimos achegarse as leis á nosa vida, comprobamos que recibimos menos soldada por igual traballo, que ás veces a parella nos trata con violencia ata de morte, que non se nos facilita compaxinar a maternidade co traballo, que hai cambadelas para que non cheguemos a ter responsabilidades avanzadas.  As relixións seguen a ser un freo para a nosa liberdade. A publicidade úsanos como obxecto de consumo sexual. O noso emprego é o máis precario. O paro e a pobreza feminízanse de xeito alarmante.

Aquí e agora, as mulleres temos a sensación de que nos queren volver ao vagón xineceo reprodutor,  aos labores domésticos, á usurpación das decisión que temos que adoptar sobre nós mesmas, á pobreza económica e intelectual. A única solución perante ideoloxía tan perversa é a razón que nos acompaña e debemos fortalecer coa arma máis certeira e menos cruenta de todas as que existen: A PALABRA.

LIDO EN LUGO NO ACTO ORGANIZADO POR LUZ DARRIBA  O

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA, 2014

Advertisements