PAR DE BOTÍNS
No panel dos designios
alguén lles puxo data de caducidade:
once de marzo do ano dous mil catro
ás sete e trinta horas da mañá.
Non eran fashion, que fora restados
a unha mensualidade de hipoteca,
a unha letra de coche de segunda,
ao leite dun bebé,
á electricidade e ao butano,
ao teléfono,
ao pan,
á carne,
e a algún peixe.
Era un par de botíns
que medían por albas e solpores
as sesións dun traballo
ao que se vai en tren de cercanías.
Chegou a data e eles caducaron
e quedaron na vía
alí calzados en pernas sen dona.