ANGELES GALINO CARRILLO

 

O día 8 deste marzo finou quen foi catedrática de Historia da Pedagoxía na Universidade Complutense cando eu cursaba, como alumna libre oínte, esa asignatura na primavera do 1969. Foi un curso no que acudir ás clases como oínte era moi difícil, pois necesitábase o aval dun profesor. Tiven a sorte de que un catedrático galego me concedese este favor e puiden asistir temporalmente ás súas clases, pois a miña estancia en Madrid limitábase a tres meses que tiña de permiso sen soldada. Vida longa e froitífera a desta muller próxima a centenaria que foi a primeira en gañar por oposición unha cátedra na universidade española.

Estaba a Lei Villar Palasí (1970) no último tramo da xestación e a Sección de Pedagoxía, dentro de Filosofía e Letras, mostrábase efervescente. Só había dúas Universidades Públicas para esta titulación e parte do profesorado implicárase moito na ansiada reforma que poñía fin a un sistema educativo desfasado. A profesora Galino  pasou a ser Directora Xeral de Ensino Medio e Profesional en 1970.

A historia da pedagoxía é a historia da humanidade, pois toda sociedade educa para se perpetuar. Resumila nunha asignatura para aspirantes a exercer un traballo que debe fundamentarse nese coñecemento non parece posible. A profesora Galindo, non obstante, abordábaa arredor de núcleos significativos que se estudaban en profundidade e despois relacionábanse con outros momentos da historia, movementos de innovación ou personalidades senlleiras cos que tiñan algunha afinidade. O coñecemento do herdo pedagóxico quedaba así estruturado dunha maneira eficazmente atractiva.

Quen isto escribe levaba xa oito anos de profesión e coñecía ben a escola dun medio rural  moi próximo ás experiencias persoais, mais sen apenas contacto teórico con feitos salientables no desenvolvemento histórico. Foi a profesora Galindo quen me abriu as portas dunha realidade descoñecida que eran os movementos de renovación progresista, capaces de facer cuestionar toda tarefa educativa e didáctica: para que ensinar, que ensinar e como ensinar. Pedagogos tan relevantes como Dewey e Paulo Freire entraron da súa man na miña vida profesional que non chegou máis alá de seguir traballando na aula como ensinante de materias relacionadas coas letras. Mais xa nada foi igual naquel traballo.

Publicado en El Correo Gallego (14-03-14)

Advertisements