RECUPERAR OS CORPOS

 


As persoas que perden a vida dun familiar e o seu corpo desesperan ata atopalo para lle facer o funeral. O último consolo ante unha perda tan traumática é poder recuperar os restos e dispór deles para o soterramento ata hai pouco ou para a incineración, que ten os seus partidarios. A familia despide así o que queda desa vida perdida e non descansa ata facelo ao seu xeito. É bo recordar este vellísimo costume mentres hai unha busca coa que podemos empatizar doadamente coma a dos mariñeiros afundidos no Santa Ana onda o cabo de Peñas. As administracións fan todo o posible por atopalos e os gastos que acarrea esta busca non son cuestionados por unha sociedade sensible que se amostra comprensiva coa desesperación e o sufrimento.

Esa mesma angustia pasárona milleiros e milleiros de persoas aos que lles foron arrebatados familiares durante o franquismo, coa agravante de non saberen onde buscar e de ter que permanecer en silencio para non correr a mesma sorte. O silencio chegou a ser tanto que hai descendentes que descoñecen os feitos e empezan a enterarse por persoas alleas ou porque, perdido o medo, os avós se atreven a facelos confidentes do segredo familar. Moitas veciñanzas de núcleos rurais están axudando na recuperación daqueles cadáveres dos que alguén sabe que foron traídos de lonxe e enterrados nunha fosa común, por veces coa súa participación forzada. É xente de ben que honra os seus mortos e non quere que o lugar e os arredores da súa igrexa sexan recordados por unha traxedia na que non tiveron arte nin parte. Son quen gardaron esta memoria e dan información para que outras persoas altruistas, como as que forman as asociación de Recuperación da Memoria Histórica, se dediquen a excavar para recuperar os ósos, proceder á súa identificación e entregalos ás familias ou darlles digna sepultura.

A Lei da Memoria Histórica foi unha fiestra aberta á esperanza, pero é hoxe papel mollado. Hai políticos e tertulianos que se mofan da busca dos desaparecidos. Queren que se sepulte a memoria deste brutal capítulo da historia de España. Desde novembro de 2011 non hai subvención para os proxectos que, ao abeiro desta lei, desenvolvían as citadas asociación. E a xustiza hai que buscala nun xulgado arxentino ao que veñen de presentarse, por mediación da ARMH, once denuncias desde Galicia a través do consulado.

Publicado en Correo Gallego (21-03-14)