PREMIOS DA AGE

 

O Día Mundial da Poesía, 21 de marzo, iniciouse en Betanzos a rolda de distincións que a primavera trae aos libros galegos coa celebración da IX Edición dos Premios da Asociación Galega de Editores (AGE), a que máis modalidades contempla, galardoando a produción do  2013. A partir desta, seguirán outras institucións con festas para o libro, elemento de cultura ameazado por circunstancias adversas ás que se suma seren os de noso unha manifestación da lingua propia que non pasa tampouco polos mellores momentos. O libro galego chegou tarde á impenta e tamén á difusión normal entre lectoras e lectores, por iso se converteu nun espazo de honra para o noso idioma e en elemento incuestionable da súa normalización.

A AGE honra de paso a un bo número de homes e mulleres cultivadores da lingua e activistas da cultura que lles prestan o nome a estes premios. Francisco Fernández del Riego, á difusión do ámbito editorial e cultural; Ánxel Casal, ao libro de ficción –narrativa-, poesía ou teatro e non ficción; Lois Tobío,  á tradución; Isaac Díaz Pardo, ao libro ilustrado; Xosé Neira Vilas, ao libro infantil e xuvenil; Xosefa Igrexas Villaverde, ao libro educativo; Rosalía de Castro, á iniciativa editorial e Xosé María Álvarez Blánquez, ao autor/autora ou colectivo de autores.

No histórico edificio concebido para Arquivo do Reino de Galicia, o grupo vocal EntreElas d’A Coruña iniciou o acto cunha fermosa versión da cantiga popular “O voso galo, comadre” e amenizou a velada intercalando outras pezas. Tras as invertencións do alcalde e do presidente da asociación, Manuel Bragado, foron desfilando polo escenario autoras e autores, ilustradores e representantes das editoriais galardoadas, pois as distincións son compartidas polos creadores e a editorial responsable da publicación. 

En Betanzos desenvolveuse un acto no que, recoñecendo a situación crítica do gremio editorial aguzada polas manifestacións do goberno galego sobre a dixitalización escolar completa do último ciclo de Primaria e do primeiro da ESO, houbo ocasión de comprobar o esforzo que fai o país por manter unha edición de calidade con diversificación de cultura normalizada. Parabéns a premiados e premiadas. A próxima cita será a XXIII edición dos Pemios da Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia en Rianxo o día 5 de abril.


Publicado en El Correo Gallego (28-03-14)