POLA COSTA DA MORTE

 

 

Os ingleses puxéronlle “Costa da Morte” á franxa do territorio atlántico fronte á que os temporais lles desfacían os barcos  deixando tripulación e pasaxeiros nas nosas augas e  cemiterios. O nome foi aceptado por quen mellor coñecía aquela capacidade de xerar traxedia e hoxe chámase así unha comarca singular na que as pedras teñen máis historia que os propios humanos e onde o mar deixa frecuentes desgustos colectivos.

Desde Paxareiras, un dos parques eólicos máis grandes de Galicia, divísase o areal de Carnota e o mar que chama ao infinito. Na capitalidade do concello,  pombal, hórreo, igrexa e cemiterio dan o tempo medido por séculos. O hórreo pasa por ser o máis grande de Galicia e non o é. Pero está asinado por arquitecto, ten factura barroca moi coidada e foi ampliado en dúas ocasións. A el ían parar os dezmos que cobraba a Igrexa. O entorno era rico a xulgar polo tamaño da cabaceira –nome que alí reciben os hórreos- e polas doutras parroquias adxacentes.

Xa queda cerca o Pindo señardoso do que foi antano, o noso Olimpo ao pé do grande Océano, a montaña sagrada. Tamén está saudoso do parque que era ata que o verán pasado o deixaron arder sen lamento concorde coa catástrofe ecolóxica. Á súa costa esquerda, verte o Xallas en Ézaro a fervenza arrequecida pola abondosa auga da tempada. As humidades múltiples de pequenos manancíos sácalles ás pedras máis fondeiras unha paleta de cálidas cores.

É difícil seguir para Fisterra como en peregrinaxe milenaria ao último solpor. Imposible tamén non sentir mágoa de ver o cemiterio que deseñou César Portela tan integrado na paisaxe e non na paisanaxe. Máis dunha década despois de rematado só serve como pousada temporal a algún peregrino. “A renuncia aos espazos valados e a eliminación de liñas de límite e paredes significa que non existirán as usuais referencia a un espazo particular. ¿Como superar esta dificultade? Utilizando outras referencias e establecendo outras delimitacións. Máis específicamente, as que caracterizaban o antigo lugar de sepultura celta: o mar, o río, a montaña, o ceo”, dicía o autor no proxecto. Pero a Costa da Morte ten outro cemiterio novo e único en Estimán (Dumbría), deseñado por Rosana Pichel, con rechamantes nichos de cores e altas columnas que sosteñen teitos transparentes e partillados para que entren tamén o vento e a paisaxe.  

Publicado en El Correo Gallego (04-04-14)

 

 

 

Advertisements