EDUCACIÓN E HABILIDADES PRÁCTICAS

 

 

O informe PISA atribúe ao noso estudantado escaso dominio das habilidades prácticas. O estraño é que o tivese, porque hai que preguntarse quen está encargado de llas ensinar. ¿É a insititución educativa quen debe perseguir este obxectivo? Os centros teñen marcados obxectivos dignísimos e imprescindibles, como levar os educandos á responsabilidade cidadá, ao espírito crítico e, a poder ser, á satisfacción persoal. A realidade é que este obxectivo explícitado en todos os plans pedagóxicos e curriculares non ten programación e as actividades a través das que se pretendería desenvolver son os estudos –memorizados para exames- das materias do currículo: ecuacións de segundo grao, formulación química, leis físicas, e análise morfosintáctica da oración simple e composta, para citar algún exemplo de aprendizaxes ben pouco relacionadas co obxectivo devandito, pero si moi presentes na programación, na clase e na avaliación.

¿Exíselle á familia que ensine  a andar pola vida?. A protección da infancia e da adolescencia para a escolarización obrigatoria trata o traballo familar como explotación e está prohibido. Noutrora, nas casas aproveitaban o que podía facer a súa prole, segundo aconsellaba o refrán: “O traballo dos pequenos é pouco/ e o que o perde é un louco”. As rapazas e rapaces, chamados desde cedo a ter algunha responsabilidade da que dar conta, adquirían saberes de como enfrontáranse coa vida nunha chea de cousas a través da práctica: desde botar as contas nos mandados, ata aprender o oficio familiar con toda a súa complicación. Se tiñan posibilidades económicas para proseseguir estudos tras dos primarios, buscábase como combinar o tempo para desenvolver tarefas que contribuían a seguir tratando coa realidade para resolver moitas situacións. Os estudantes facíanse cargo de si mesmos. Matriculábanse e estaban ao día das relacións administrativas, incluso redactando textos que non se exercitaban nas aulas, e falaban con quen fose para resolver calquera continxencia. Hoxe seica hai pais e nais que van acompañar  universitarios aos despachos porque os consideran indefensos.

Mentres o ensino non cambie e programe contidos consontes coa vida real, non é pensable que, por arte de maxia, o alumnado saiba facer o que hoxe non se aprende, seica polo seu ben. 

Publicado en El Correo Gallego  (11-04-14)

 

 

 

 

Advertisements