VOO

Chegou nun soño

de lenedade gris

vencendo a morte.

Advertisements

INFANCIA POBRE

Dous millóns oitocentos mil nenos e nenas do estado español están na soleira da pobreza. Tendo tan baixa a natalidade, a cifra revela que hai unha parte grande da poboación que non pode coidar da súa prole como ten encomendado. O feito é un gran motivo de preocupación e non vale enterrar a cabeza no chan para non ver que un de cada tres nenos españois está en risco de pobreza e exclusión. Só temos en Europa por diante de nós a Grecia. Esta anomalía debería facer reaccionar os gobernantes, porque están obrigados a rexer cun grao de xustiza aceptable a cousa pública.

Ás familias destas criaturas preséntaselles un problema engadido: como explicarlles tal situación. Os nenos pobres de antes sabiamos que eramos pobres –non de pedir, pero si con pobreza enerxética e outras, como se fragmenta agora para disimulala-. Recordo o día en que caín na conta de que eu o era. Sei onde estaba, que altura ocupaba o sol no horizonte e cara que punto cardinal miraba. A constatación non me fixo desgraciada nin cambiou a miña vida. Souben que tiña unha característica máis que engadir ás de ser nena, a maior de dous irmáns e ter pecas na cara cando me poñía ao sol. Hoxe, pola contra, estas criaturas veñen na súa mairoría dunha situación económica aceptable na que as súas necesidades básicas estaban cubertas sen anomalías. A súa pobreza é o froito da perda de traballo dos seus sustentadores, da diminución das soldadas, da precarización do traballo e dos grandes recortes sociais que suplen dalgún xeito o que a economía familiar xa non pode darlles. Para esta infancia, o descubrimento da pobreza é moito máis traumático psicoloxicamente.

Hai pais e nais que llelo ocultan ata que xa non poden máis. Hainos tamén que se privan de comidas para que as criaturas non teñan que deixar ningunha en branco. Hai alumnas e alumnos que chegan á escola en xexún e así están ata o xantar, se teñen a sorte de que llelo poden servir no comedor. A infancia estivo tan superprotexida últimamente que hai medo de a achegar a unha realidade tan crúa. Aínda que a algúns lles fagan o xogo de acompañar o pan co recordo do que máis lles gusta dentro, emociona ver a xente cativa falando nos medios con incrible madurez do que lle pasa á sociedade que mellor coñecen, a das súas familias. É a tristeza que deixan aprendizaxes tan significativas como a experiencia da pobreza infantil.


Publicado en El Correo Gallego (
18-04-14)