FEÍSMO E CAMPOS DE GOLF

 


En novembro de 1993 fun a Trier (Tréveris) a un congreso de Lingua Galega. O aeroporto máis próximo está en Luxemburgo e, de Barcelona ata alí, fun sentada onda un pasaxeiro  con equipo de golf que, segundo dixo, ía xogar un partido. Foi o meu primeiro encontro co superfluo de altura que sen dúbida apoiaba unha boa fortuna. Onde hai grandes fortunas ten que haber moitos pobres que as equilibran na punta dunha balanza cos brazos moi desiguais, o dos infortunados mesmo afastados das necesidades principais. Veume ao acordo esta anécdota do golf pensando no noso Corrubedo, unha paraxe tan querida, cantada por poetas, mimada e precisada pola natureza para gardar ese equilibrio ecolóxico que non admite trampas de distinta medida nos brazos da balanza. Corrubedo é un símbolo da riqueza paisaxística do noso país.

Galicia é un paraíso se lle deixan. Desde as terras que merecen a protección de parques naturais ou espazos da biosfera ata os núcleos habitados ou deshabitados, o país ten unha fermosura singular que non deron destruído, polo de agora, a especulación desaprensiva, a falta de visión dos políticos nin o feísmo que cometen os habitantes con ben diversas intencións. No rural galego, aprovéitase todo daquela maneira e utilizar as cousas para novos usos podería ser reciclaxe artística, ben dirixida. A bañeira soportando parrillas de churrasco, a porta  da lavadora para fiestra dun alpendre, por nomear algúns reusos, podían ser tratadas con criterio creativo, pero a chafallada coa que se fan estas ousadías anúlaas como reciclaxe digna.

Os somieres que sostiñan xergóns pechan portelos de leiras e circundan galiñeiros. Nunha parede de vinte metros cadrados poden aprezarse catro materiais entre fondo, remendos e medras. Hórreos empotrados en fachadas, palacios liliputienses nun pequeno solar, armazóns de catro plantas abandonados entre horta e horta, amecedallos de bloques de cemento e de ladriño na reconstrución de casas de pedra son feísmo xa clásico. Máis moderno son os plásticos negros sostidos con pneumáticos de coches e tractores, que anuncian o progreso. Isto había que regulalo compaxinando esixencias con axudas, como no caso da conservación da arquitectura tradicional. A Galicia hai que conservala e velar por ela, polos defectos e polos excesos, mentres se estea a tempo.

Publicado en El Correo Gallego (25-04-14)

Advertisements