XOVES SANTO

 

Se os de Lamas eran donos naturais da celebración do Domingo de Ramos, os de Ouselle érano da do Xoves Santo, pois cantaban os Via-Crucis mellor que ninguén e poñían o Monumento máis bonito:

Lágrimas de corazón,

de corazón las lloremos

para que todos gocemos

los frutos de la Pasión…

Non sei como se amañaba a nosa cerdeira para andar sempre na flor cando a xente pasaba cara Ouselle pola tarde facerlle a visita ao Monumento. As súas ponlas parecían cadansúa vela das que se poñían como barandas da escalinata improvisada que conducía ao sagrario desprazado do altar maior.

Floreaban tamén todos os bulbos e raíces primaverais: lirios, narcisos, xacintos. Mais, para percibir esa sinfonía única de arrecendos, había que esperar ao martes de Pascua, día que os de Horta tiñan sinalado para a celebración do San Benito. Alí estaba a Casa dos Señores que tiña o xardín de bulbos máis surtido dos que eu coñecía e podía gozarse del desde a estrada.

Volvendo ao Xoves Santo, a nosa casa parecía un oratorio. Meu pai tiña un repertorio fermosísimo de músicas con letras enigmáticas que non sei de onde o sacara.

Llorad, Cedros del Líbano,

mares, ríos, llorad.

Llorad, rocas del Gólgota

que va Dios a expirar.

Llora, pecador pérfido.

Llora tú sin consuelo

que hiciste al Dios del cielo

la mano levantar.

Una ardorosa lágrima

Vierte mi Salvador.

Tiende su vista lánguida

Buscando al pecador…

Axiña me ensinou a cantar a segunda voz do dúo e entre os dous, dándolle á agulla nos traxes da Pascua, faciamos de cada Xoves Santo un día artístico.

Naqueles olores, reforzados máis entrada a primavera polas glicinias, as lilas e os philadelphus, e naquelas enigmáticas cancións cheas de esdrúxulas noto que estaba o xerme da miña poesía.

Advertisements

EDUCACIÓN E HABILIDADES PRÁCTICAS

 

 

O informe PISA atribúe ao noso estudantado escaso dominio das habilidades prácticas. O estraño é que o tivese, porque hai que preguntarse quen está encargado de llas ensinar. ¿É a insititución educativa quen debe perseguir este obxectivo? Os centros teñen marcados obxectivos dignísimos e imprescindibles, como levar os educandos á responsabilidade cidadá, ao espírito crítico e, a poder ser, á satisfacción persoal. A realidade é que este obxectivo explícitado en todos os plans pedagóxicos e curriculares non ten programación e as actividades a través das que se pretendería desenvolver son os estudos –memorizados para exames- das materias do currículo: ecuacións de segundo grao, formulación química, leis físicas, e análise morfosintáctica da oración simple e composta, para citar algún exemplo de aprendizaxes ben pouco relacionadas co obxectivo devandito, pero si moi presentes na programación, na clase e na avaliación.

¿Exíselle á familia que ensine  a andar pola vida?. A protección da infancia e da adolescencia para a escolarización obrigatoria trata o traballo familar como explotación e está prohibido. Noutrora, nas casas aproveitaban o que podía facer a súa prole, segundo aconsellaba o refrán: “O traballo dos pequenos é pouco/ e o que o perde é un louco”. As rapazas e rapaces, chamados desde cedo a ter algunha responsabilidade da que dar conta, adquirían saberes de como enfrontáranse coa vida nunha chea de cousas a través da práctica: desde botar as contas nos mandados, ata aprender o oficio familiar con toda a súa complicación. Se tiñan posibilidades económicas para proseseguir estudos tras dos primarios, buscábase como combinar o tempo para desenvolver tarefas que contribuían a seguir tratando coa realidade para resolver moitas situacións. Os estudantes facíanse cargo de si mesmos. Matriculábanse e estaban ao día das relacións administrativas, incluso redactando textos que non se exercitaban nas aulas, e falaban con quen fose para resolver calquera continxencia. Hoxe seica hai pais e nais que van acompañar  universitarios aos despachos porque os consideran indefensos.

Mentres o ensino non cambie e programe contidos consontes coa vida real, non é pensable que, por arte de maxia, o alumnado saiba facer o que hoxe non se aprende, seica polo seu ben. 

Publicado en El Correo Gallego  (11-04-14)