DEPENDENCIA E INDEPENDENCIA

 

A palabra independencia naceu coa carga dun sufixo que significa negación. Xa que logo, a palabra positiva parece dependencia. Eis un xogo de vocablos que na forma están pouco relacionadas co valor que adoitamos darlles. A dependencia non é boa, porque indica subordinación a algo que impide a liberdade nas decisión propias. Pola contra, a idea da independencia moveu grandes cambios. A liberación de colectivos cunha cabeza pensante á fronte, como Espartaco cos escravos romanos ou Martin Luther King cos negros estadounidenses, foi tras da indenpencia. Nas guerras de sublevación dos pobos os insurrectos contra a dependencia son héroes e a historia ten os ollos cansos de mirar cambios de fronteiras e comprobar que ningún dos límites é intocable. En canto á independencia persoal, o grande obxectivo da educación comprensiva é lograr o desenvolvemento das capacidades para valerse de seu e posuír ferramentas para interpretar debidamente mensaxes manipuladoras.

Grazas ao pensamento máis avanzado, a sociedade ditaminou que as persoas teñen dereitos emanados da súa dignidade, que son universais e aplicables a todas e en todas partes, mais isto quedou en desideratum. Os gobernos dos países máis humanizados foron ditando leis total ou parcialmente contra a dependencia para avanzar en conquistas sociais. Cando menos na teoría, conseguíuse abolir a escravitude, alfabetizar a poboación e fixar a educación obrigatoria, outorgarlle á muller dereito ao voto e a emancipación para administrar a súa vida económica e persoal, e estender o dereito á sanidade. As leis que regulan o divorcio son leis para independencia e o mesmo podemos dicir da normativa sobre a interrupción do embarazo nas mellores condicións para a muller.

A parte máis débil da nosa sociedade, a máis desprotexida foron os emigrantes, as mulleres, a infancia, a vellez e aquelas persoas que padecen algunha eiva síquica ou somática. É aquí onde se inclúen os depedentes que non poden desenvolver a súa vida sen coidados especiais. A infancia, as persoas discapacitadas e a ancianidade necesitan atención e coidados. A sociedade debe poñer ao seu servizo todos os medios que garantan a estes grupos de dependentes unha vida segura e digna sen que a carga recaia exclusivamente na súa familia. E nisto non podemos aceptar recortes.

 

Publicado en El Correo Gallego (02-05-14)

 

 

Advertisements

2 opinións sobre “DEPENDENCIA E INDEPENDENCIA

  1. Ca independencia individual e colectiva gañamos evidentemenet moito. Pero hoxe perdemos independicia de moitas formas e unha de máis crueles, e a emanada da colonización intelectual coma se a mosca Tse-tsé infectada nos inoculase ovos do sono na nosa cabeza ata non permitirnos discernir a realidade, da ficción, como pretenden facernos crer que somos libres. Procesamos demasiada información, e a meirande parte das veces non sabemos a fonte. Por iso é moi importante a relación, para ir coñecendo quen e quen nesta historia da vida. Apertas.

    Gústame

    • Totalmente Xosé Lois. Estannos roubando todo. E algunhas persoas non poden vivir sen alguén que llela proporcione. Horrible momento aínda que queiran facernos crer o contrario. Aperta.

      Gústame

Os comentarios están pechados.