CON FLORES A MARÍA

 

 

 A nena cantaba moi ben os cánticos de maio, o mes das flores, que eran para María.

Venid y vamos todos

con flores a porfía,

con flores a María

que Madre nuestra es.

A nena coñecía ben a María. Era “purísima docella, más que la luna bella”… Queríalle, falaba con ela e dáballe bicos mentres cruzaba o pasillo de igrexa para comulgar pechando na man aquela medalla de aleación barata colgada ao colo nunha cinta azul ceo. Impuxéralla un día un grupo de beatas. Canda ela había outras nenas, todas as que cantaban e levaban os ramos de flores durante o mes de maio ao seu altar. Que honra ser Filla de María, unha Señora tan guapa e tan boa que velaba polas nenas!

Non sabía quen era Porfía, pero tiña que ser amiga de María se andaban xuntas. Por iso lle quería tamén e lles levaba flores ás dúas a aquel altar improvisado cuberto cun mantel de percal branco e algunhas velas que se encendían mentres elas cantaban.

A nena leváballes azar, que despois descubriu que non o era porque na montaña non hai laranxeiras nin limoeiros que dean esa flor Pero a flor de María, así e todo, deixouna marcada co seu aroma branco, fraxil, sagrado…

Hoxe non só lle ole a María, que tamén lle ole a Deus. E moitas tardes de maio vai cabo da celinda ou filadelfo, que ese era o nome, para se empapar do recordo de Deus e de María, para ulir a infancia, para ulir todo aquilo que tamén era fráxil e marchou.

 

Advertisements