O FÚTBOL É ASÍ

 

 

Non vou referirme ao fútbol como nova relixión coa que hai que contar no calendario para que nada coincida cunha hora tomada pola liturxia dunha retransmisión. Nin da curiosidade de que un deporte mova tal cantidade de diñeiro e que poida ter débedas públicas coa comprensión dos poderes e da cidadanía. Nin de mercar e vender homes como na época da escrivitude, mais por unhas cifras que ata deberían escandalizar os seguidores que os adorarán ou deostarán segundo sexan ou non do equipo que lles rouba o corazón. Viríalles ben a ambos casos a resignada sentencia, pero non vou falar deles.

Voume referir ás actividades que fan os rapaces desde noviños, cando ordenan de lle daren patadas a un balón cara ás porterías marcadas con dous penedos por entre os que pode entrar a pelota marcando un gol. Esta actividade, que desde o punto de vista da educación física axuda a desenvolver o corpo, non leva parella a capacidade de desenvolver tamén o espírito de solidariedade que os rapaces necesitan. Cando se presenta o pelotón de aspirantes, os xefes que destila toda xuntanza social que formará dous bandos ou equipos van seleccionando os que consideran mellores: altos, atléticos, delgados, guapos e, a poder ser, sen gafas. Por desgraza, sempre hai algún que non cumpre estes requisitos en parte ou na súa totalidade e ninguén quere coller. Xa sei que este é o procedemento da selección natural, polo que tampouco vou falar disto, pero si cómpre recordalo de pasada cando falamos de educación.

Un paso máis alá dáse cando os rapaces, que xa foron seleccionados polas súas habelencias, se organizan en equipos cumprindo as regras base do deporte rei para organizar campionatos acordes coa súa idade. Creo que isto é o que chaman fútbol de base, no que están interesados familias, escolas, Concellos e sociedade en xeral. De tales encontros tampouco sei moito, pero cóntame algo un amigo que leva un fillo que xoga. O outro día viña moi desmoralizado dicindo que as nais, sobre todo as nais segundo o seu relato, animaban aos seus fillos sen pararse a mirar nin os modais nin as maneiras nin as palabras usadas. Descalificacións do rivais, insultos, brutalidades recomendadas e outras cousas que non quixo describir. Preguntoulles se eran conscientes de que estaban embrutecendo os fillos e contestáronlle fachendosas: “O fútbol é así”.    

Publicado en El Correo Gallego (09-05-14)

Advertisements