VIAXEIROS AO TREN

 

Nas viaxes de Rianxo a Santiago vin nacer e medrar a estrutura da ponte que, saíndo de dous túneles, salta a desembocadura do río Ulla para que o poida cruzar o AVE. É obra complexa por se asentar xa nunha certa aplitude da ría e levou a construción con arritmias, ora bulideira ora ralentizada. Sobre esta ponte, aínda sen unir, que hoxe loce estrañas colores cando o ceo é nocturno, pasarán os soños de comunicación rápida da nosa paisanía, que se viu preterida neste tipo de trens como xa o fora noutras vías.

España ten xeografía case poligonal e herdanza política centralista. Ambas cousas fixeron de Madrid o centro de todo. Non hai moito tempo que alí falaban de dúas Españas: “Madrid y provincias”. O “de provincias” decaeu como sintagma en uso pero as provincias resistiron a nova organización do estado, que as mantén de reduto como  sucursais por se as autonomías non representasen en por si o estado. Por iso, a vertebración comunicativa da pel de touro foi e segue sendo fundamentalmente de trazado  radial co quilómetro cero na Porta do Sol. A Madrid había que ir buscar e levar todo. Por iso as comunicacións se xuntaban neste punto que concentraba viaxeiros.

As estradas mudaron aos poucos cara a intercomunicación do territorio sen teren que pasar pola capital do reino, pero as comunicacións ferroviarias de alta velocidade seguen os trazados de levar e volver a xente á cidade da que Machado dixo no 36: “Madrid, Madrid, ¡qué bien tu nombre suena / rompeolas de todas las Españas! / La tierra se desgarra, el cielo truena, / tú sonríes con plomo en las entrañas”. Pero o certo é que cada vez hai menos a que ir a Madrid, agás as poucas persoas que desenvolven traballos moi específicos e teñen neste medio de transporte unha alternativa ao uso do avión.

Mirando o esqueleto que se arma para a ponte que unirá Catoira e Rianxo burlando o Ulla, unha decátase de que, a cambio do gasto nesta infraestrutura que chega moi tarde porque hoxe os tempos son acelerados, Galicia non ten unha rede ferroviaria de cercanías que a vertebre e intercomunique dun xeito cómodo e eficaz, coa riqueza que isto traería. Quizabes ese soño de proximidade con Madrid, que un día vimos con óptica ilusoria, esmoreza se miramos ben a nosa realidade. ¡Que afastados van quedando os lugares de Galicia sen transporte colectivo que potencie o seu desenvolvemento!

Publicado en El Correo Gallego (16-05-14)

Advertisements