GALICIA EN BARCELONA

 

O pasado 17 de maio, a Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña e o Ayuntament de Barcelona organizaron un acto institucional no Saló de Cent para celebrar o Día das Letras Galegas. A pesar de que á mesma hora se xogaba o partido de fútbol que poñía fin á liga e comezaba a Noite dos Museos Abertos, a conmemoración festiva galega non se viu afectada polas ausencias e aquel suntuoso Saló de Cent estivo completo. Abriu o acto quen representaba o anfitrión,  Jordi Martí, Regidor de Presidència i Territori, e dirixiuno Manoel Carrete, Presidente do Centro Galego de Barcelona. Cómpre recordar que o Centro Galego de Barcelona ten longa traxectoria de celebración das nosas Letras, tal como pode comprobarse no folletiño Fiesta gallega de las letras, organizada por el Centro Gallego de Barcelona, y celebrada en el teatro Poliorama de dicha condal ciudad el día 18 de junio de 1950. Así pois, trece anos antes da institución da efeméride do 17 de maio, que recorda a publicación de Cantares gallegos, a institución barcelonesa celebraba un certame que dá orixe á devandita festa e que tivo como mantenedor o poeta e maxistrado Manuel Casado Nieto. Neste certame obtiveron galardón creadores como Álvaro Cunqueiro,  Manuel Cuña Novás, Xosé María Álvarez Blázquez e Fermín Boua Brey.

O contido literario do acto convocante das Letras deste ano tiña como título “Tres miradas sobre Xosé María Díaz Castro”. Eran a do profesor e tradutor Basilio Losada, moi relacionado con Cataluña, que traduciu e glosou o poema “Penélope”. A de quen isto escribe, que falou do poeta relixioso e existencial. E a do profesor e escritor Xesús Rábade Paredes, que disertou sobre a terra como metáfora de Galicia no poeta de Guitiriz.

Finalizado o acto literario, Toni Soler, Comissari del Tricentenari a Barcelona, rendeu unha homenaxe ao xeneral Antonio de Villarroel, fillo de galegos, que dirixiu a defensa da cidade de Barcelona no asedio de 1713-1714 evitando un gran derramento de sangue e que, contra o que se viña dicindo ata a descuberta de 2009, morreu no cárcere da Coruña ( 1726) recluído nunha cela asulagada coa subida das mareas, feito que o deixou tolleito de ambas as pernas. A interpretación dos himnos dos dous países pola coral da asociación Toxos e Xestas e a intervención de dous cantos de noso por un grupo vocal pecharon a velada.

Publicado en El Correo Gallego (23-05-14)

 

 

 

Advertisements