IV ENARBORAR O BOSQUE

 

A primeiros de xuño, desde hai tres anos, vense celebrando unha romería artístico-reinvindicativa a favor do Medio Ambiente que leva por nome “Enarborar o bosque”. Mañá, sábado, chegará á súa cuarta edición na praia de Boca do Río ( Carnota) nunha aba do Monte Pindo, o Olimpo galego que sufriu o ano pasado, canda outros montes, o efecto devastador do lume. A primeira xuntanza fíxose para pedir a protección do bosque na cabarlleira de Chaián (Santiago). A segunda, foi contra a incineradora do Irixo (Beade). A terceira, manifestábase contra a minería a ceo aberta en Corcoesto (Cabana de Bergantiños). Coa de mañá, os artistas pretenden chamar a atención sobre o feito reiterado dos incendios forestais, unha das grandes pragas do país.

Arredor desta idea, convocados pola Factoría Delideas e o colectivo arTeu, coa colaboración do Concello de Carnota, e as Comunidades de Montes de Cal de Barcos e San Cibrán, de Mallou e de Lariño, xuntaranse poetas, artistas plásticos, fotógrafos, músicos, contacontos… A parte plástica e visual do traballo realizarase durante a xornada, na que as pinturas, as formas tridimensionais e as fotografías van xurdindo a medida que avanza o día. A palabra poética concéntrase nos recitais, pero tamén se escribirán versos sobre lousas durante todo o día para formular desexos contra o lume empregando auga tintada e pincel. Os músicos amenizarán a xira artística e comprometida coa natureza na que cadaquén aporta o seu xantar que acabará confluíndo en varios ágapes participados.

Desde as once e media da mañá ata as nove da noite haberá actividade organizada que se desenvolverá mentres os artistas que traballan in situ poden desenvolver o seu traballo. Pola mañá: contacontos e monólogo –para todas as idades-, recital poético, actuacións musicais, lectura dun manifesto e xantar. Pola tarde: monólogo, contacontos, actuacións musicais, recital poético e o peche coa actuación de Xurxo Souto.

Se chove, o Concello de Carnota poñerá unha carpa a disposición desta embaixada de compromiso co monte galego, que se dirixe a un dos lugares onde o lume fixo máis estragos: o Monte Pindo, o noso Olimpo celta. Alí soará un manifesto que acaba así: “Facemos parte da natureza. Renovemos o noso xeito de integrarnos harmonicamente nela. Poñamos o bosque por bandeira! Medre o bosque!”.

Publicado en El Correo Gallego (06-05-14)

 

Advertisements