COAS HERBAS DE SAN XOÁN

Este ano foime difícil atopar as herbas de San Xoán. O tempo climatolóxico cada vez se vai facendo máis excéntrico con relación ao tempo cósmico e xa non puiden contar coa flor do sabugueiro nin cos estralotes/tróqueles que onde van que florearon ambas plantas. Por outro lado, o romeu abandonou practicamente esta aldea nunha viaxe misteriora cara algures. Puiden poñer en auga: fiuncho, cabrinfollo, herba luísa, loureiro, oliveira, artemisa, codeso, ruda, salvia, ourego, flor de cenoura silvestre, té dos campos, herba abelleira, xasmín, magarza, bochos de ouro, menta e pétalas de rosa. Quedaron ao orballo e a mañá de San Xoán as herbas formaran unha auga aromada digna de ser usada como auga de colonia.

As bondades sanadoras destas herbas –cuxo ramallete non é estrictamente pechado na súa composición- e as potencias purificadoras do lume novo prendido a noite do solsticio de verán, cristianizada como noite de San Xoán, foron moi estimadas cando os males eran tan confusos como difusos. As meigas, os diaños, o demo, o mal de ollo, a compaña… viñan sendo os culpables de todo e só se lles podía pór remedio con medios máxicos porque chegaban de lados escuros. Nos tempos modernos, a luz eléctrica veu varrer moitos destes temidos males poñendo unha claridade na noite que fixo esvaecer a parte máis poética destas crenzas e acabou maiormente convertento os ritos en accións rotinarias moitas veces desprovistas de significación. Pero as crenzas son moi operativas, así e todo, e non poucas veces substitúen males difusos polos ben coñecidos aos que se lles poñen as roupas vellas da resignación para non sentirse culpable de soportalos ou avergoñado de que outras persoas os sufran véndolles solución se quen pode tivese vontades de os amañar.

Por iso segue sendo festa, xa liberada de maleficios e beneficios, noite para a xoldra colectiva que apacigua os males do espírito e as ansias de comellada para meter no corpo sardiñas, chourizos e costelas, e liscos de touciño. As praias, nas proximidades do mar, son os lugares elixidos para a exhibición de vitalidade e ledicia, de saltos por riba do lume ata a reaparición do sol na noite máis curta. Toda a delicadeza que deixan as herbas a mollo na auga doce adoita converterse en brutalidade nos areais onde parece  que se deu unha batalla contra a fame e nela venceu a enchente.

Publicado en El Correo Gallego (27-06-14)

Advertisements