ACHEGAR A POESÍA Á EDUCACIÓN

Toda criatura humana nace poeta. Á escuridade chamaralle susto e aceptará que non pode xogar nas randeeiras porque dormen. O pracer de xogar coa lingua é dos primeiros en manifestarse. Despois fará frases con metáforas, sinestesias e metonimias, porque os desprazamentos léxicos son propios da linguaxe sincrética e da forma infantil de percibir o mundo. Mais, a partir deses primeiriños anos, as nenas e os nenos perden esa proximidade. No abandono ten moito que ver a educación, fundamentalmente a institucional levada a cabo por especialistas e suxeita a programación racional revisable para mellorar os resultados. Por iso sería desexable que ningunha educación destrúa o poeta que cada criatura trae dentro. Procurarlle música e palabras axuda a potenciar a percepción do ritmo que crea a linguaxe. Máis tarde, ensinarlle poemas con ritmos ben marcados,  incluíndo xogos,  ledaíñas que proveñen do folclore e jitanjáforas, axudan á percepción lúdica e emotiva da poesía.

Ao adquirir o dominio da lectura, é fundamental a provisión de poesía escrita, ata acabar nos clásicos, sen pretender a comprensión adulta senón unha aproximación á riqueza polisémica que teñen estes textos, sempre abertos. Hai que posibilitar a aprendizaxe  da lectura de poemas  coidando o ritmo, a entoación, as pausas e a aproximación ao estado de ánimo que intenta transmitir quen escribiu ese texto, que pode estar fragmentado.

Como os versos soan, as sílabas non coinciden coas escritas. Nin se contan coa punta dos dedos ni existen licencias poéticas a priori. É o oído humano quen fai adaptacións para conservar os ritmos. Por iso, a aprendizaxe poética debe ir apoiada con  música ou, cando menos, cun ritmo para promover a percepción dos diversos metros e do final dos versos segundo a acentuación da última palabra. É tamén recomendable o xogo con rimas mediante sartas de palabras, pasando do máis doado ao máis difícil ata introducir diptongos e  mestura de palabras esdrúxulas con graves.

A educación institucional debe procurar que o alumnado chegue a construír un texto poético. Iso necesita tempo de sensibilización e contacto co verso clásico. Pero tamén o coñecemento da poesía máis contemporánea, a que xeralmente prescinde da rima. Só así se poden combater eses ripios traidores e inimigos dos aprendices de poeta.

Publicado en El Correo Gallego (11-07-14)

 

Advertisements