HOMENAXE A XOSÉ CHAO REGO

Xosé Chao Rego recibirá esta tarde unha homenaxe na súa terra, Vilalba. A Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María da Terra Chá organizan este acto de colocación do Noveno Hectómetro Literario, dedicado a el, ás 17:30h. no Paseo dos Soños do Muíño do Rañego á beira do río Madalena.

Xosé Chao Rego é unha personalidade singular da nosa cultura. Destaca polo cultivo do ensaio sobre temas teolóxicos e de antropoloxía social. O seu traballo por unha igrexa galega, que asumise o idioma como lingua da gran maioría dos crentes e a nosa realidade social e ambiental para encarnarse, foi unha dedicación constante no seu labor intelectual e na praxe evanxélica. A súa personalidade afectiva e conciliadora está detrás de moitos proxectos colectivos durables, entre eles as revistas de pensamento cristián “Irimia” e “Encrucillada”. É autor prolífico de traballos de fondo bíblico e de obras comprometidas cos problemas teolóxicos do noso tempo, entre os que destaco pola súa actualidade  “A condición homosexual” (1999) e “O sexo, a muller e o crego” (2000). É autor tamén, entre outros moitos libros, de “Eu renazo galego. Ensaio sobre a identidade galega” (1983), que recibiu o Premio da Crítica Galicia, onde se recollen as reflexións do autor sobre un tema tan importante como desenvolver un pensamento crítico sobre as orixes culturais e ambientais do crente. A primeira Romaxe de Crentes Galegos celebrouse no Pedregal de Irimia, nacencia do Miño, como símbolo da recuperación da galeguidade espiritual e dese mesmo topónimo procede o nome dunha das revistas citadas. A súa dedicación á escrita levouno a colaborar na prensa con habitualidade. Por todo este traballo, foi distinguido coa “Letra E” pola Asociación de Escritores en Lengua Gallega (2002).

Profesor de Ensino Secundario no Instituto Rosalía de Castro de Santiago –cidade na que conta cunha rúa-, impartiu clases de galego deixando unha forte pegada no seu alumnado. Apartado ultimamente da vida social por razóns de saúde, acudirá esta tarde á homenaxe na que tomarán a palabra Rubén Aramburu, Marica Campo, Xosé Manuel Carballo, Xoán Xosé Fernández Abella, Daniel López Muñoz e esta que escribe. Actuarán os músicos Mini e Mero de A Quenlla, e o gaiterio Raul Galego. Dirixirá o acto Xulio Xiz. Parabéns ao amigo por unha mostra máis de recoñecemento.

Publicado en El Correo Gallego (18-07-14)

 

 

 

 

 

Advertisements

4 opinións sobre “HOMENAXE A XOSÉ CHAO REGO

  1. Pingback: Homenaje a Xosé Chao Rego | Ramón Chao

Os comentarios están pechados.