HILDEGART

IMG_4468

No imaxinario feminino que meu pai puxo ao meu alcance de nena estaban Rosalía, Concepción Arenal, Pasionaria, Rosa Luxenburg e a señorita Hildegart. Rosalía estaría en todos os fogares galegos. Concepción Arenal non creo que suscitase moitas diferencias de aprezo. As outras tres eran mulleres brillantes dos tempos da II República e poucas nenas as coñecerían, por rexeitamento ideolóxico da casa ou por ocultamento por medo, como os desaparicidos familiares.

Hildegart Rodríguez Carballeira, adiantada ao seu tempo e cun tráxico final a mans de súa nai aos 19 anos, que tampouco me foi ocultado, naceu en Madrid o 9 de decembro de 1914. Era filla da ferrolá Aurora Rodríguez Carballeira e dun pai que se limitou a participar na súa concepción por decisión materna. Tivo a educación esmeradísima, procurada pola nai que apetecía programarlle a vida, que nunha rapaza superdotada produciu froitos ricaces moi temperáns. Os tempos eran relativamente propicios para a promoción das mulleres que máis tarde se verían de novo interferidas polo segregacionismo da Sección Femenina. Hildegart representou e defendeu os valores esenciais do compromiso social –moi fundamentalmente co seu xénero- para facer avanzar a sociedade e consolidar a xustiza social. Finalizara os estudos de Dereito aos 17 anos, sendo militante socialista desde os 15. O partido acabouna expulsando polas esixencias nos comportamentos éticos dos seus membros. Foi activista da reforma sexual ocupando a secretaría da “Liga Española por la Reforma Sexual”, presidida por Gregorio Marañón. Hildegart defendeu o divorcio, a anticoncepción e a liberación feminina de toda clase de tabús e prohibicións sexuais considerando que este conflito superaba en importancia a todas as revolucións que fixera a humanidade.

Estamos no centenario do seu nacemento e varias institucións galegas promoven a conmemoración. «Alternativa Socialista Cli-As Vigo” fíxolle estes días unha homenaxe nas redes sociais. O “Ateneo Ferrolán” celebrará un Congreso dos días 6 ao 8 de decembro, simultaneado con dúas exposición, biográfica e bibliográfica, actividades culturais, e unha homenaxe final á súa figura. Este Congreso pretende contribuír de paso á recuperación da historia do pensamento feminino e dos movementos da liberación da muller no século XX.

Publicado en El Correo Gallego (25-07-14)

Advertisements