THOR

Oín berrar a Thor:

-¡¡¡Traédeme o meu mjolnir!!!

E tremeceu a tarde.

Advertisements

ACHEGAR A POESÍA Á EDUCACIÓN

Toda criatura humana nace poeta. Á escuridade chamaralle susto e aceptará que non pode xogar nas randeeiras porque dormen. O pracer de xogar coa lingua é dos primeiros en manifestarse. Despois fará frases con metáforas, sinestesias e metonimias, porque os desprazamentos léxicos son propios da linguaxe sincrética e da forma infantil de percibir o mundo. Mais, a partir deses primeiriños anos, as nenas e os nenos perden esa proximidade. No abandono ten moito que ver a educación, fundamentalmente a institucional levada a cabo por especialistas e suxeita a programación racional revisable para mellorar os resultados. Por iso sería desexable que ningunha educación destrúa o poeta que cada criatura trae dentro. Procurarlle música e palabras axuda a potenciar a percepción do ritmo que crea a linguaxe. Máis tarde, ensinarlle poemas con ritmos ben marcados,  incluíndo xogos,  ledaíñas que proveñen do folclore e jitanjáforas, axudan á percepción lúdica e emotiva da poesía.

Ao adquirir o dominio da lectura, é fundamental a provisión de poesía escrita, ata acabar nos clásicos, sen pretender a comprensión adulta senón unha aproximación á riqueza polisémica que teñen estes textos, sempre abertos. Hai que posibilitar a aprendizaxe  da lectura de poemas  coidando o ritmo, a entoación, as pausas e a aproximación ao estado de ánimo que intenta transmitir quen escribiu ese texto, que pode estar fragmentado.

Como os versos soan, as sílabas non coinciden coas escritas. Nin se contan coa punta dos dedos ni existen licencias poéticas a priori. É o oído humano quen fai adaptacións para conservar os ritmos. Por iso, a aprendizaxe poética debe ir apoiada con  música ou, cando menos, cun ritmo para promover a percepción dos diversos metros e do final dos versos segundo a acentuación da última palabra. É tamén recomendable o xogo con rimas mediante sartas de palabras, pasando do máis doado ao máis difícil ata introducir diptongos e  mestura de palabras esdrúxulas con graves.

A educación institucional debe procurar que o alumnado chegue a construír un texto poético. Iso necesita tempo de sensibilización e contacto co verso clásico. Pero tamén o coñecemento da poesía máis contemporánea, a que xeralmente prescinde da rima. Só así se poden combater eses ripios traidores e inimigos dos aprendices de poeta.

Publicado en El Correo Gallego (11-07-14)

 

DESFEITA DEMOGRÁFICA


Entre as desfeitas que afectan o país -lingua, patrimonio cultural, paisaxe, vilas mariñeiras históricas, mundo rural- está tamén a demográfica. Por un lado, repunta a emigración xa que o ano pasado marcharon de Galicia 27.300 persoas, “os que noutras terras/ tén que buscar pan”, como sempre das máis novas. Por outro, hai trinta anos que a medra demográfica de Galicia é negativa, con máis mortes que nacementos. Nalgún dos nosos concellos hai tempo que non nace ninguén e a nosa poboación é das máis avellentadas.

O noso problema demográfico, grave para calquera sociedade, hai que miralo dentro dun contexto xeralizado. A partir das teses feministas, que acabaron calando mesmo naquelas mulleres que en teoría se poden mostrar críticas coas avanzadas nas defensas dos seus dereitos, as mulleres aspiran a decidir sobre a súa vida. O feminismo convoca a cambiar os roles sociais de ambos xéneros. A maternidade, e todo canto arredor dela foi desenvolvendo a cultura humana, foi sometida a revisión como un dos feitos que máis afecta universalmente as mulleres. Concepción, embarazo, parto, lactancia, coidado da criatura e educación posterior son feitos que se ven influídos por novos posicionamentos racionais que poden introducirse nas sociedades máis dinámicas.

Na crianza tradicional, a nai permanece próxima á criatura durante moito tempo e isto dificulta seriamente a súa incorporación ao mundo laboral, mesmo desde o momento do embarazo. Aínda non fomos capaces de levar a cabo modificacións reais que sexan compatibles cos dereitos das mulleres a decidiren en liberdade. O discurso materno ven hoxe condicionado polos cambios que as mulleres incorporaron á súa vida e a sociedade ten que promover superacións legais, económicas, organizativas, sindicais, e outras para que o dereito individual a ser ou non ser nai poida verse facilitado polas axudas da sociedade que necesita reproducirse.  O estado debe facilitarles ás mulleres que poidan compaxinar a lexítima aspiración a seren nais –que redundará en equilibrar directamente  as billas da demografía humana- e o pleno desenvolvemento da  súa vida en igualdade cos homes, de xeito que non tropecen cunha seria frustración dos seus desexos creada por seculares limitacións consagradas a través da cultura, mais que non son de seu insuperables.

 

Publicado en El Correo Gallego (04-07-14)