HOMENAXE A DON DARÍO RIVAS

20100414 BsAs - Querella franquismo 020

Don Darío Rivas, primeiro querelante na Arxentina contra os crimes do Franquismo, puido ver localizado o corpo de seu pai, Alcalde de Castro de Rei, en agosto de 1936, mentres el estaba na República da Prata. Foi exhumado en Cortapezas (Portomarín) pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, no ano 2005. D. Darío abriu portas de esperanza despois de ser procesado o xuíz Garzón e de o Estado español darlle as costas á reparación histórica debida ás vítimas directas dos crimes do franquismo e aos familiares que as buscamos. Grazas a el, a xuíza María Servini de Cubría tomou o asunto no seu xulgado de Buenos Aires e puxo en marcha un proceso apoiado desde España polas plataformas que lles posibilitan a familiares e vítimas que poidan declarar nun organismo público os seus sufrimentos, o que nunca puideran facer.

Don Darío Rivas tivo onte, xoves 31 de xullo, en Lugo, unha homenaxe en dous actos diferenciados. Pola mañá, de forma solemne, recibiu no Pazo de San Marcos a “Placa de Honra de Provincia de Lugo”, concedida pola Deputación. Interviñeron, D. José Ramón Gómez Besteiro, Presidente; Dª Carmen García-Rodeja e D. Baldomero Iglesias, en calidade de mentores; Dª María Jesús Rivas, familiar do homenaxeado; D. Mario Outeiro Iglesias, Deputado de Cultura e D. José Clemente López Orozco, Alcalde de Lugo. Alí soaron nas gaitas a “Marcha do Antigo Reino de Galicia” ao principio, e varias pezas do flolclore galego e arxentino e ao final.

O segundo acto foi unha comida-homenaxe na que acompañaron a D. Darío numerosas personalidades e amigos, sendo a palabra un compoñente esencial da confraternidade. Escritores e escritoras: Claudio R. Fer e Carmen Blanco, Margarita Ledo, Marica Campo e Manuel Rivas. Alcaldes represaliados ou representantes de Concellos con alcaldes desaparecidos: Castro de Rei, A Ponte Nova, Villaodriz, Vilarmeá, Monforte, Ribas de Sil, Becerreá, San Tirso de Abres e Vilafranca. Ana Miñarro, sicanalista, membro do Memorial Democrático de Barcelona que traballa con vítimas da represión. Ana Messutti, abogada da Querela. Lectura de tres cartas de denunciantes e voz de sete denunciantes presentes. Lectura de adhesións e intervencións de Emilio Silva, presidente da ARMH, e Andrés Crespo Viera, fillo do arqueólogo homónimo, voluntario da Memoria Histórica.

Publicado en El Correo Gallego (01-08-14)

Advertisements