DESFACENDO PAÍS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Son varios os axentes que se encargaron de ir desfacendo o noso país con teimosía sorprendente. Se o empeño posto nesa dirección fose na contraria, hoxe teriamos un auténtico paraíso para vivir. Auténtico por ser el e paraíso porque contariamos cun dos lugares máis acolledores de Europa pola fermosura e a gran variedade interna que a natureza e os antergos nos deixaron.

Mirando as pequenas cidades europeas, que conservan as súas características arquitectónicas adaptando as construcións ao equilibro do conxunto, dámonos conta do afán de propietarios, empresarios e autorizadores por desfaceren gran parte das vilas de noso, moi particularmente as máis antigas, modelos de urbanismo controlado feito á medida dos habitantes. O mesmo podería dicirse da conservación dos núcleos rurais de fasquía tan variada como a diversidade das comarcas que conforman Galicia. A arquitectura popular respondía ás necesidades do medio de vida: hórreos coa todos os seus diversos nomes e construcións -individuais ou en campos colectivos-, fontes, lavadoiros, secadoiros, eiras, palleiras, montaxe de viñas e parras do aire… E o mesmo pasa coas construcións que soportan a representación das crenzas: igrexas das diferentes épocas, capelas, cemiterios, cruceiros… O noso románico, e aínda o escaso prerrománico, esmorece entre silvas e ben deitamos de asociacións como “O sorriso de Daniel” que anda a desbrozar con voluntariado a igrexa de San Paio de Abelenda entre outras accións.

Os rumorosos do himno e os carballos dos druídas foron deixándolle o seu lugar ao eucalipto que favorece a condición incendiaria e a especies inzadoras como as acacias. A variedade de froiteiras que conservaban os antigos deixáronse extinguir porque hai produtos no mercado sen vermes e con verniz. Entre estradas, vías, autoestradas, autovías, parques empresariais e outras grandes obras desapareceron milleiros de microtopónimos que daban conta da historia sentimental do territorio. Cada vez que nos deixa unha persoa anciá váisenos un dicionario. Porque a sorte da lingua non foi mellor que a do resto das nosas cousas.

Co engano chamado crise, o mundo rural é un reclamo para resolver a vida. Oxalá que quen se refuxie nese medio o aprece como debe e o libere dun tempo convulso e destrutor que lle endilgou a culpa de todo o atraso.

Publicado en El Correo Gallego (08-08-14)

Advertisements