BOTAS DE FUSILADO EN 1936

1406721065_007140_1406721289_noticia_normal
Souberon que perderan, detrás de tres disparos
que as fixeron tremer,
a axilidade de quen as calzaba,
os pasos
e a calor que dá a vida.

Souberon que marchara, agora doutro xeito,
aquel roce coa vida que perderan
ata se converter nas botas dun humano.

Soubéronse perdidas elas mesmas,
na humidade barrosa soterradas
e souberon aínda que perderan
aquela pel prestada que gardaban sen vida
e a carne podrecida cos tendóns.

Na súa fixación á terra dura
non sentiron soar nin os astrágalos
nin as falanxes que quedaron libres
e sen descolocarse
durante anos.

Elas non saberían conservar a memoria
pero deixáronse ir ao son do tempo oculto,
do silencio maldito,
da xenreira,
do engano.

E son Historia.

Advertisements