AS RAÍCES DO CACIQUE

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A profesora, convencida de que a educación é o motor da liberación humana, quixo facer prácticas de democracia con alumnado de ESO tomando a aula como unidade social. Nada mellor que a elección da persoa que ostenta a delegación do curso como modelo electoral da representación. Iniciou un proceso “motu proprio” para formar en democracia, nunha hora semanal que se adicaba á tutoría.

Explicados os fins da representatividade nunha aula, a lexislación na que se encadra e o proceso electoral, houbo presentación de candidaturas e campaña. Alegrouse de ter catro aspirantes, dúas rapazas e dous rapaces, e tamén da paridade. Encomendoulles a tarefa de presentar diante dos electores os obxectivos previstos para a tarefa que lles ía ser encomendada. No acto de presentación, quedou patente que había un candidato con modais rudamente autoritarios e pouca formación e unha candidata idealista de quen lles sería difícil entender a altura de miras, porque, ás veces, o exceso de preparación e de madurez pode ser unha eiva para aspirar a algo. E logo quedaban dous que se expresaban moi ben, que parecían ter as ideas claras e que posiblemente empatasen se as relacións de amizade non influían.

Cando invitou o grupo de electores a faceren as preguntas que considerasen oportunas para decidir a quen votarían, chegaron as sorpresas. A primeira, que elixibles e electores entendían esa función como unha prerrogativa de poder sobre a clase, non un servizo. E axiña veu a consecuencia desta concepción nas respostas a unha pregunta que resultou ser clave para determinar o sentido do voto. Anunciaba a gran sorpresa final. Tras preguntas que non tiñan moito senso, houbo alguén que se atreveu a formular a que posiblemente estaba en todas as cabezas e que ninguén se atrevera a expoñer. “¿Ides tratar igual a quen vos vote que a quen non vos vote?”. Os aspirantes foron tomando a palabra e os sensatos deron senllas respostas, que sen dúbida os ían desempatar. Ela dixo: ”Igual, claro. Eu serei a delegada de toda a clase”. E el: “¿Como vou tratar igual a quen me vote que a quen non? Tratarei mellor a quen me vote”. Fíxose o sorteo dos compoñentes da mesa, repartíronse as papeletas e votouse coas formalidades requeridas. O resultado foi que aquel rapaz conquistara o noventa por cento dos votos. As raíces do cacique están moi fondas.

Publicado en El Correo Gallego (15-08-14)

Advertisements