ANTICIPANDO O SAN FROILÁN

 

SANYO DIGITAL CAMERA

O Concello de Lugo anticipou os nomes de quen tomarán a palabra nas cerimonias importantes da súa festa máis emblemática e unha das grandes de Galicia, o San Froilán. A conmemoración chega co outono e concita as xentes de toda a provincia na bimilenaria cidade murada, capital do polbo, sen menosprezar ningunha localidade notoria por elaborar de xeito maxistral este prato tan de noso.

O 4 de outubro dirá o pregón de inicio o xornalista Pedro Revaldería, lucense ben coñecido ligado aos medios audiovisuais. O outro acto importante dese evento é a ofrenda que o Domingo das Mozas –o día máis concorrido das festas- recibe Rosalía de Castro diante do busto granítico da poeta que lle dá o nome ao parque. Actuará como oferente a polifacética artista Luz Darriba, lucense por vocación de selo desde que se asentou na cidade de Augusto, procedente da Galicia exterior nas terras pratenses de América.

Facer unha ofrenda a Rosalía de Castro no seu parque o Domingo das Mozas –chamado así pola cantidade de mulleres novas que se xuntaba tal día- é unha honra que a oferente debe merecer. De Luz Darriba recordamos a cantidade de acción coas que agasallou a escritora. Ben coñecidos son os seus broches que moitas galegas lucimos na roupa. As súas accións participativas para promover a súa lectura o ano 2010, 125 aniversario do pasamento da escritora, foron moi notorias. “Follas novas/ Novas follas”, coa colaboración da Deputación de Lugo, espallou os poemas do gran libro rosaliano, a súa lectura, e as interpretacións escritas e plásticas que pasaron a adornar colgadas diversos espazos arbóreos de Galicia –tamén o xardín da Casa da Matanza- finalizando en Buenos Aires. Para o proxecto creou unha imaxe da poeta en serigrafía dixital dunha forza expresiva engaiolante. Noutro seu proxecto, “ÁgoraLibros”, o voluntariado escribiu, con cerca de 100.000 volumes, os versos da ‘Negra Sombra’ no pavimento de varias prazas de cidades galegas: Praza do Obradoiro (Santiago), Palexco (A Coruña), Praza da Ferreiría (Pontevedra), Praza Maior (Ourense), Praza da Estrela (Vigo) e Praza Maior (Lugo).

Neste momento, a artista está en Bruxelas preparando a instalación “Marelle de livres”, que se inaugurará o próximo día 26 durante os actos de conmemoración do centenario do nacemento de Julio Cortázar na rexión de Ixelles.

Publicado en El Correo Gallego (22-08-14)

Advertisements