GUSTOS TURÍSTICOS

IMG_0055

Mentres uns transeúntes vacacionais se dirixen a Borja para ver un Ecce-Homo transformado e outros asisten á destrución incomprensible de 140.000 Kg. de froitos na tomatina de Buñol, uns poucos chegan ordenadamente ata os arredores do lugar onde paso o verán buscando unha “aldea vella”, “aldea perdida” ou “aldea maldita” da que non fan promoción particulares, hostaleiros nin administracións. Achéganse en parellas sen exceso de adrenalina, procedentes de Galicia ou dos arredores, principalmente da veciña Asturias, e van preguntando a quen atopan onde queda “esa aldea” e por que non está sinalada cando houbo alguén lles recomendou esta visita encarecidamente. A única mención pública ao lugar, non moi accesible a ese público que o busca sen citalo nunca como fonte, está nas Cousas, de Castelao: “…camiño esquecido polo que xa ninguén pasa…” do que di que lle fala a avoa, con pouca información máis.

O lugar, próximo á aldea que o substituíu, aguanta estoicamente o paso de tempo invadido por enormes eucaliptos e lustrosos loureiros, que tamén medran nas casas sen teito. Durante os vinte anos que eu o frecuento, só se demoronou un metro da parede dun pinche pertencente á casa que linda, aínda que soterrada, co camiño máis transitado. Só se recoñece como parede habitable polo trángulo do pinche, tal como pasa con algún tramo do peche das fincas conlindantes. O barro centenario sangrou sobre o camiño a memoria escura deste poboamento do que só se percibe con facilidade unha das casiñas que conserva as catro paredes intactas.

A causa do abandono, posiblemente mediado o século XVIII, debeu ser unha das pestes frecuentes na época, interpretadas como unha manifestación da cólera divina polos horribles pecados da humanidade. Viñan da Idade Media e non se soubo ata o século XIX que eran producidas por unha bacteria que ía transitando dos leiróns ás pulgas e das pulgas á xente, contaxio doado porque ratos e humanos convivían en diversos espazos. A morte masiva nesta aldea atribuíse ao roubo dun cáliz do mosteiro de Armenteira, enterrado alí polo sacrílego ladrón, que ninguén ousou buscar. Entre as pedras dos casarellos e a vexetación, os visitantes poden ver un interior distribuído, grazas aos pequenos espazos das paredes destinados a varios usos. E cada ano chega máis xente buscando o sitio recóndito.

Publicado en El Correo Gallego (29-08-14)

 

Advertisements