BOTAS DE FUSILADO EN 1936

1406721065_007140_1406721289_noticia_normal
Souberon que perderan, detrás de tres disparos
que as fixeron tremer,
a axilidade de quen as calzaba,
os pasos
e a calor que dá a vida.

Souberon que marchara, agora doutro xeito,
aquel roce coa vida que perderan
ata se converter nas botas dun humano.

Soubéronse perdidas elas mesmas,
na humidade barrosa soterradas
e souberon aínda que perderan
aquela pel prestada que gardaban sen vida
e a carne podrecida cos tendóns.

Na súa fixación á terra dura
non sentiron soar nin os astrágalos
nin as falanxes que quedaron libres
e sen descolocarse
durante anos.

Elas non saberían conservar a memoria
pero deixáronse ir ao son do tempo oculto,
do silencio maldito,
da xenreira,
do engano.

E son Historia.

Advertisements

DESFACENDO PAÍS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Son varios os axentes que se encargaron de ir desfacendo o noso país con teimosía sorprendente. Se o empeño posto nesa dirección fose na contraria, hoxe teriamos un auténtico paraíso para vivir. Auténtico por ser el e paraíso porque contariamos cun dos lugares máis acolledores de Europa pola fermosura e a gran variedade interna que a natureza e os antergos nos deixaron.

Mirando as pequenas cidades europeas, que conservan as súas características arquitectónicas adaptando as construcións ao equilibro do conxunto, dámonos conta do afán de propietarios, empresarios e autorizadores por desfaceren gran parte das vilas de noso, moi particularmente as máis antigas, modelos de urbanismo controlado feito á medida dos habitantes. O mesmo podería dicirse da conservación dos núcleos rurais de fasquía tan variada como a diversidade das comarcas que conforman Galicia. A arquitectura popular respondía ás necesidades do medio de vida: hórreos coa todos os seus diversos nomes e construcións -individuais ou en campos colectivos-, fontes, lavadoiros, secadoiros, eiras, palleiras, montaxe de viñas e parras do aire… E o mesmo pasa coas construcións que soportan a representación das crenzas: igrexas das diferentes épocas, capelas, cemiterios, cruceiros… O noso románico, e aínda o escaso prerrománico, esmorece entre silvas e ben deitamos de asociacións como “O sorriso de Daniel” que anda a desbrozar con voluntariado a igrexa de San Paio de Abelenda entre outras accións.

Os rumorosos do himno e os carballos dos druídas foron deixándolle o seu lugar ao eucalipto que favorece a condición incendiaria e a especies inzadoras como as acacias. A variedade de froiteiras que conservaban os antigos deixáronse extinguir porque hai produtos no mercado sen vermes e con verniz. Entre estradas, vías, autoestradas, autovías, parques empresariais e outras grandes obras desapareceron milleiros de microtopónimos que daban conta da historia sentimental do territorio. Cada vez que nos deixa unha persoa anciá váisenos un dicionario. Porque a sorte da lingua non foi mellor que a do resto das nosas cousas.

Co engano chamado crise, o mundo rural é un reclamo para resolver a vida. Oxalá que quen se refuxie nese medio o aprece como debe e o libere dun tempo convulso e destrutor que lle endilgou a culpa de todo o atraso.

Publicado en El Correo Gallego (08-08-14)

AGRADECEMENTOS OFRENDADOS A UN SOLPOR

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Ter pasado unha infancia pobre, camiñada en zocos e chea de amor.
Sentirme sempre aquela nena pobre ante a inxustiza social que sofren outros.
Terme liberado dos prexuízos daquela sociedade hostil de posguerra:
-Coas mulleres
-Coa diversidade sexual.
-Cos pobos nómades, máis pobres ca nós.
-Coa lingua que falaron, que falabamos, que falaba.
Terme afastado dun Deus castigador de quen traballaba en domingo e comía carne en coresma.
-Coñecer a terra miña desde o cerne do pobo campesiño, sen eu selo.
-Aproximarme aos libros e ao bo profesorado, aínda que tarde.
-Terme luído na tolerancia, no respecto, no diálogo.
-Facerme responsable dos meus deberes e coñecedora dos meus dereitos.
-Darme capacidade de reinvención, superación e resilencia.
-Mandar tanta xente boa para cabo de min.
-Poñerme algúns inimigos para que probe o amargor que ten a vida.
-Influír en tantas vidas facéndome ver canta era a miña responsabilidade.
-Darme a capacidade de me expresar de varias formas, de crear mundos, de reciclar palabras…