ÁRBORE IRMÁ

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Eras antecesora, soubéchelo e erguícheste
deixando asegurados os pés baixo da terra,
endurecendo a pel para afrontar os baques
e abrindo os brazos á fraternidade.
Nada sería igual se ti non foses,
árbore irmá.
Perdería a paisaxe toda esa cabeleira de frescura
na que aniñan paxaros e medran as mazás,
e outras delicias que puideron deixar o paraíso
denantes de perdérmolo,
porque xa eras dádiva no Edén
como o grande agasallo para a vida.

En ti aprende a chuvia
a amainarse no chan formando as veas
que levan sangue de mantenza
a quen a Terra habita.
Por ti sabe a paisaxe
calmar o ardor do sol e tender liñas
harmoniosas no espazo para crear beleza,
que esa beleza existe porque existes,
porque lle dás o pulo de mostrarse
vizosa, osixenada…

Quen levante a machada contra ti para segarche o pé
será un fraticida, se non te substitúe por outra máis noviña
que veña relevarte.
Tamén será un Nerón que plante lume á túa arquitectura
sostén de toda a vida no planeta.

Que quen pretenda ouro
da túa destrución deixando erma
a terra que arriqueces
reciba o cruel castigo de non mirarte máis
nin terte cerca.

 

Advertisements