2. FIGUEIRA

10695151_4675684225767_1221636603_nTivo que estar no chan para cumprir o seu desexo en vida. Na beira da alameda, xa tumbada, fórona transformando o pés dos transeúntes alleos á ambición da afortunada folla de plátano de sombra que sempre quixo ser dunha figueira. Cantas veces as persoas que nos pisan colaboran connosco a conseguirmos soños imposibles. Cantas veces os soños imposibles se cumpren a pesar de que pasou o tempo de que fosen.

Advertisements

“NUMAX”, UN PROXECTO CREATIVO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
A cooperativa NUMAX -tres mozos e unha moza- abrirán unha sala de cinema no centro de Compostela –rúa Concepción Arenal- a comezos do ano que ven. A capital de Galicia terá a única sala independente do país en versión orixinal grazas a un proxecto dos socios procedentes de diversos ámbitos da creación e a difusión cultural. O grupo conta tamén cunha socia colaboradora técnica, Margarita Ledo Andión, cineasta, catedrática, escritora e académica da RAG, que coa súa achega económica contribúe á viabilidade dun proxecto nado como cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro.

Baixo esta forma legal, nun momento no que cómpren iniciativas persoais e colectivas para que a xuventude formada se dedique a aquilo para o que se preparou en profundidade, xorde un proxecto que combina a apertura dunha sala en versión orixinal con librería de Literatura, Arte e Pensamento, e aínda un estudo de deseño gráfico, comunicación e produción audiovisual. Coa cooperación entre as tres áreas, NUMAX quere facer do seu local un lugar de encontro e intercambio para a cidadanía interesada.

A cooperativa de servizos financeiros Coop57 achegaralles un préstamo de 300.000 €, necesarios para construír, equipar e poñer en marcha o proxecto, se o grupo promotor consegue, con avais persoais de entre 1.000 e 5.000€, a totalidade do importe. Hoxe NUMAX conta xa co apoio de 135 avalistas e 252.900€ avalados. Para o último empurrón, inicia a recollida pública de avais, a través do web http://www.numax.org. onde hai información de como facelos efectivos.

Para esta campaña traerá nos próximos días, en función restrinxida para avalistas, o espectáculo NUMAX-FAGOR-PLUS da compañía de Barcelona Roger Bernat/FFF, boa oportunidade de coñecer o local e saudar o inicio do acondicionamento. O espectáculo cruza a experiencia dos traballadores de NUMAX, retratada por Joaquín Jordà no filme “Numax presenta” en 1979, coa dos traballadores de FAGOR, tras a creba da cooperativa de electrodomésticos que puxo na rúa a 1.800 traballadores a finais de 2013. Será a estrea en Galicia, en función pensada especialmente para esta sala, logo de pasar polo KunstenFestivalDesArts de Bruxelas, o Festival Grec de Barcelona, o Festival Mladi Ievi de Liubliana e xusto antes de presentalo no Festival Temps d’Images de París.

Publicado en El Correo Gallego (12-09-14)