A ARTE ABANDONADA DAS PEDRIÑAS

IMG_4763

No norte de Galicia e mais no sur hai pedriñas colocadas con amor, como con devoción mística, que van constituíndo obras de arte evocadoras do traballo minucioso do arquitecto Gaudí. As máis coñecidas e visitadas están á beira do mar de Camelle (Camariñas), onde un home con particular interpretación dos símbolos da vida e da morte arribou un día por azar e considerou que alí estaba o seu terceiro círculo, o último, e quedou a vivilo en soedade creativa ata que o desastre do Prestige o matou de tristeza vendo a situación do mar e a súa obra.

O alemán Manfred Gnädinger, Man para a veciñanza, foi colocando pedras e pedriñas do granito rosado da costa, soldándoas cunha especie de cemento no que deixaba ocos para conseguir formas de fasquía simbólica, como animais e seres de aparencia mitolóxica. As torres apezadas álzanse como saúdos ao mar, non como fortaleza contra el. O tecido pétreo cos inmúmeros ollos brancos no cemento é como unha celosía simbólica para albiscar o máis aló do Océano. Hai seis anos, naceu unha Fundación con apoios políticos e intelectuais que non cumpriu os obxectivos para os que foi pensada: protexer o legado de Man e construír un museo. Hai pouco tempo publicábase a nova de que se resolvería axiña o abandono no que se atopa o caseto que habitou o asceta e a conservación das esculturas que o mar e o tempo están destruíndo.

As menos coñecidas estás no sur: na “Casa das Pedriñas” ou “Casa do Bailarín”, no Concello d’A Veiga (Ourense), a carón do embalse de Prada. Foi construída durante 25 anos por Daniel Mancebo, un veciño d’A Veiga mineiro con silicose, que se xubilou moi cedo. En Barcelona traballou na compañía de tranvías e coñeceu a obra de Gaudí. Morreu hai 16 anos e deixou o legado dunha casa da que cubriu a estrutura con materiais ao seu alcance: pedriñas, vidros rotos, cunchas, anacos de ladrillo, esculturas e outros elementos miúdos de valor estético polas diferentes texturas, tamaños e colores. No trazado combínanse varias formas xeométricas e alturas. As fiestras son oxivais e conta con numerosos adornos arquitectónicos: columnas, escaleira exterior, cúpula, azoteas con remates en macetóns, farolas, forxados, etc. Por desgraza, este tesouro empeza a deteriorarse e mesmo a ser saqueado. Hai unha petición en change.org que pide axuda para a súa protección. Ben a merece.

Publicado en El Correo Gallego (19-09-14)

Advertisements