MARCHAR

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Marchar é arrincarse da terra coma unha árbore
e transplantarse noutra.
Deixar o souto, a fraga, a carballeira,
a horta, o prado, o monte…
e buscar acomodo noutro sitio
lonxe e descoñecido as máis das veces.

É cambiar de paxaros e de ventos,
de chuvias de nevadas e de brétemas
polo que queira vir apousar nela.
Levar as landras, as mazás, as noces…
a caer noutro chan onde as recolla
que non nos viu nacer nin ir arriba.

Marchar é arrincarse,
pero sempre vai terra nas raíces
para que o corazón siga latendo
e a memoria se abrigue nas querencias
que quedaron atrás
mentres vai arraigando en terra allea,
mentres a terra allea se fai nosa.

 

(PARA o libro que prepara un amigo historiador con imaxes dos nosos emigrantes)

Advertisements