MUSEO ETNOGRÁFICO DO MONTE CAXADO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A actividade literaria levoume estes días ao Colexio Público Integrado “Monte Caxado” das Pontes a un encontro co alumnado de Educación Primaria para falarmos do libro “As señoras cousas”. A visita converteuse nunha pequena convivencia nun centro de ensino tan singular que é de xustiza traelo a esta columna polo seu traballo menos regrado que procura unha educación integral arriquecedora que oxalá puidese recibir todo o alumnado do país. Falo CPI, por onde transcorreu a visita, que tamén conta coa axuda puntual dalgún profesorado de Secundaria.

Ademais do labor habitual das aulas, o centro cultiva a multidisciplinaridade que lle permite participar en actividades doutras institucións. Moi de descatar é o traballo da área medioambiental e do coñecemento do contorno. A aula de medioambiente (AMA), creada no curso 1995-96, propón actividades que desenvolve o colectivo de xeito transveral. Dela depende o horto (con viveiro e invernadoiro incorporados), diversos obradoiros, actividades do Calendario Medioambiental, conmemoracións e actuacións no “Parque Natural Didáctico e de Ocio”, na Casilla do Bañal. Conta tamén cun obradoiro de reciclado no que se fan actividades artísticas con refugallos que se utilizarán como decoración e material en actos festivos. A disponibilidade de espazo permite un pequeno museo da reciclaxe no que abondan tanto xoguetes coma xogos.

Pero o labor máis admirable desde centro, con selo toda a súa actividade diaria, é ter construído durante moitos anos un gran museo etnográfico da zona que custodia no seu edificio, cun fondo catalogado de incalculable valor pola cantidade, calidade e variedade de obxectos, fotografías e fontes documentais. Ocupa unha pequena sala á entrada, onde se mostra o anterior tipo de escola cos seus materiais, e os corredores das tres plantas. Está agardando o traslado a unha sede propia, pero pode visitarse, previa cita, e nas mañás do sábado. Esta xoia é froito do traballo continuado da comunidade educativa pretendendo a valoración da propia historia e estimulando entre o alumnado e as familias a investigación histórica a través do que foi alí a vida diaria no pasado século coa súa mostra de oficios, enseres, materiais, ocio… O responsable e artífice do singular museo é o mestre José María López Ferro.

Publicado en El Correo Gallego (26-09-14)

Advertisements